A novela Odio, gañadora do I Premio Neira Vilas presentarase na nosa vila
• O vindeiro venres 10 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal de A Guarda
• O autor, Gabriel Romero de Ávila, desempeña a súa profesión de médico no PAC da Guarda desde hai 10 anos
Foto: X.G.
Infogauda / A Guarda
A novela xuvenil “Odio”, gañadora do I Premio Xosé Neira Vilas 2025 de literatura xuvenil, será presentada na Guarda.
O acto da presentación terá lugar o vindeiro venres, 10 de outubro ás 20:00h na Biblioteca Pública Municipal de A Guarda.
O autor, Gabriel Romero de Ávila, elixe A Guarda para presentar este libro xa que a considera “como unha segunda casa”, onde leva dez anos traballando como médico do Punto de Atención Continuada (PAC) da Guarda.
A novela publicada en xullo pola Editorial Galaxia recolle unha historia de aventura e ciencia ficción xuvenil.
“Todo apunta ao comezo dunha nova guerra entre humanos e droides nas Terras de Poñente.
Neo Vigo, a cidade dos neons e os rañaceos antigravitatorios, aínda lembra a bomba atómica que estourou sobre o estadio de Balaídos hai dez anos e que terminou coa revolta da Nai Computadora. Pero agora hai un influencer que se dedica a reavivar o odio entre os vellos bandos, á vez que apareceron mortos seis replicantes no Museo do Pobo Galego de Compostela. Seis policías que participaron nunha carreira ilegal para divertimento dos humanos, e da que pronto vai haber unha nova edición xunto á catedral de Auria, da que toda a galaxia vai estar pendente.
Este é un caso para a inspectora N4rv43z, da División de Seguridade da Fundación Omnia (...)”.
O autor premiado
Romero de Ávila presentouse ao certame - I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil - co pseudónimo ‘Balboa’ e acadou o premio tras a decisión unánime do xurado, conformado por Juan Andrés Fernández Castro, en calidade de presidente, Rosalía Morlán, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, como vogais, e Marta Neira actuando como secretaria.
O xurado destacou en Odio “a solidez na construción dun thriller futurista de acción trepidante”. Concibida como novela negra distópica, a historia convida a lerse como unha parábola crítica da insolidariedade social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario