7 de out. de 2025

A GUARDA

A XUNTA DE GALICIA ACORDA A INFORMACIÓN PÚBLICA DO PROXECTO DA SENDA DA GUARDA ATA CAMPOSANCOS 

 A actuación de mellora da seguridade viaria suporá un investimento de máis de 1,3M€ e permitirá habilitar un itinerario peonil e ciclista continuo aproveitando a traza da PO-352 que circunvala o Monte de Santa Trega

Trátase de executar unha senda paralela á PO-352, entre os quilómetros 1+910 e 4+040 e 5+210 e 5+950, para o acceso da poboación que vive na súa traza ao centro da Guarda, ao cemiterio ou a establecementos industriais da zona 

 A Xunta someterá nos vindeiros días a información pública o proxecto, co obxectivo de poder aprobalo e licitar a execución das obra no primeiro semestre do 2026 

O Goberno galego segue a traballar en actuacións que favorecen unha Galicia mellor conectada, mellorando e favorecendo nos municipios unha mobilidade máis cómoda e segura


Infogauda / A Guarda 

 O Consello da Xunta acordou onte luns, 6 de outubro, someter a información pública o proxecto para construír unha senda na estrada autonómica PO-352, que comunica o núcleo urbano da Guarda con Camposancos, cuxa execución suporá un investimento estimado de máis de 1,3 M€. 

 Trátase de mellorar a seguridade viaria e habilitar unha senda, que discorrerá aproveitando o trazado desta estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 1+910 e 4+040 e 5+210 e 5+950, no concello da Guarda. 

 O tráfico rodado no tramo do proxecto trátase, na súa maior parte, dun tipo de tráfico local, xa que esta estrada circunvala o Monte de Santa Tegra, discorrendo entre este e a zona costeira, configurando un itinerario cun alto valor paisaxístico e cultural. 

 Actualmente a estrada, no tramo de actuación, ten un ancho que varía entre os 5 metros aproximadamente no tramo inicial, e os 7 metros aproximadamente no tramo final. Non existen, en xeral, zonas destinadas ao tránsito peonil, agás na zona urbana existente entre os dous tramos de actuación, na que hai beirarrúas; polo que se considera necesario configurar un itinerario peonil e ciclista continuo e seguro, que conecte coas beirarrúas existentes e que permitirá acceder á poboación que vive na súa traza ao núcleo urbano da Guarda, ao cemiterio ou a un importante establecemento industrial existente na zona. 

O proxecto 

 En concreto, proponse habilitar unha senda paralela á estrada PO-352, que se executará en dous treitos, entre o quilómetro 1+910 e 4+040 e o quilómetro 5+210 e 5+950. 

 O departamento de Infraestruturas da Xunta propón realizar a nova senda á mesma cota da PO-352, de maneira que no se afecte a drenaxe actual da estrada. Por outra parte, con vistas a evitar condicionar futuras ampliacións desta vía, prevese separar a senda da estrada, creando unha berma intermedia que permita futuras ampliacións. 

 Así, a senda proposta contará cunha sección tipo de 2 metros de ancho, aínda que nalgún punto é preciso reducir esta dimensión para respectar algunha edificación ás edificación pola existencia dalgún obstáculo (edificacións), e será de formigón coloreado en cor “terriza”. 

 Ademais, para a execución deste itinerario, será preciso ampliar a plataforma de traballo, para o que se realizarán once muros de contención de terras cunha altura máxima de 2 metros. No proxecto inclúense tamén as obras de drenaxe necesarias, así como a execución de 365 m de cunetas de seguridade. 

 As actuacións nas redes de servizos consistirán na execución de canalizacións baixo as sendas para o futuro soterramento das liñas aéreas e en recuamentos de postes e de cinco puntos de luz que ven afectados polo trazado da senda. 

 A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé someter nos vindeiros días este proxecto a información pública, para efectos da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, e para efectos expropiatorios, por un prazo de 1 mes. Nesta intervención é necesario a expropiación de 7 predios. 

 A previsión é poder aprobar o proxecto e licitar a execución das obras no primeiro semestre do 2026. 

 O Goberno galego segue a traballar en actuacións que favorecen unha Galicia mellor conectada, mellorando e favorecendo nos municipios unha mobilidade máis sustentable, cómoda e segura. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario