30 de out. de 2025

O ROSAL

O Rosal dálle vida á reciclaxe con dous novos mini puntos limpos en Portecelo e Tabagón  

  Con estas instalacións, que se suman ás do Calvario e Pías e ao punto limpo móbil, o Concello busca fomentar a separación de residuos dun xeito máis cómodo para a veciñanza   


A alcaldesa do Rosal xunto a un dos minis puntos limpos que o Concello vén de instalar en Portecelo e Tabagón
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 Reciclar é cada vez máis sinxelo e máis próximo no Rosal. O Concello continúa avanzando cara a un modelo de municipio sostible coa posta en marcha de dous novos mini puntos limpos de proximidade, situados en Portecelo e Tabagón, que permitirán á veciñanza depositar residuos especiais de pequeno tamaño sen necesidade de desprazarse ata o punto limpo. 

 “A mellor reciclaxe é a que está preto da xente”, destacou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, que destacou que “con estes novos puntos limpos de proximidade seguimos dando pasos firmes para facer máis doado a reciclaxe diaria, eliminando barreiras e ofrecendo solucións cómodas e sostibles para todos os fogares rosaleiros”. 

 Os novos puntos únense aos xa instalados no Calvario e Pías, así como ao punto limpo móbil, reforzando unha rede que busca facilitar á veciñanza o depósito responsable de materiais que non deben ir aos colectores convencionais. Neles poderán depositarse material escolar, pequenos aparellos eléctricos e electrónicos, cápsulas de café, pilas, acumuladores, cartuchos de impresora e lámpadas de baixo consumo, entre outros residuos. 

 Esta iniciativa o Concello busca ofrecer a rosaleiros e rosaleiras unha nova ferramenta proximidade que favoreza a correcta separación e eliminación en orixe dos residuos domésticos dun xeito cómodo e doado, reducindo os desprazamentos e previndo o abandono de refugallos no medio natural. A rexedora salientou ademais que “esta medida non só facilita o depósito responsable, senón que tamén axuda a reducir a cantidade de residuos que acaban no vertedoiro, impulsa o consumo responsable e fortalece a economía circular, un dos eixos do noso modelo de xestión ambiental”. 

 Os mini puntos limpos, estratexicamente situados en zonas con maior densidade de poboación e tránsito, permitirán incrementar a reciclaxe e a concienciación cidadá, contribuíndo á mitigación do cambio climático a través da correcta xestión dos residuos. 

 “Queremos un Rosal limpo, sostible e consciente, onde cada veciño e veciña sexa parte activa deste compromiso común co planeta”, concluíu a rexedora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario