BALONMÁN FEMININO
O Guardés dá un golpe sobre a mesa ante o Beti-Onak (29-21)
• O Mecalia sumou unha vitoria de categoría este mércores na Sangriña ante un vello rival que lle deu moitos problemas a pasada tempada
• As de Ana Seabra dominaron todo o encontro con distintas intensidades, destacando a súa defensa fortalecida e con erros reducidos e un xogo de ataque moi intelixente e coordinado
• Destacou especialmente Elena Martínez, con seis goles, dos cales catro foron desde os sete metros (100%), aínda que marcaron case todas as xogadoras que saíron á pista. Amandine Balzinc tamén brillou e foi vital unha vez máis baixo paus
• A vitoria permite ao equipo de A Guarda seguir invicto e manterse na loita polo alto da táboa, recortando distancias co Bera Bera, que é líder grazas a unha diferenza de goles agora 11 puntos maior que a guardesa
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés non deixa de impresionar. Este mércores, as de Ana Seabra iniciaron un mes crucial para a tempada cunha vitoria de categoría e por nada menos que oito goles de diferenza ante o Replasa Beti-Onak, un rival coñecido por causar dificultades ao equipo de A Guarda nos seus últimos encontros. Pero a batalla psicolóxica viña gañada de casa e as anfitrioas dominaron todo o encontro, controlando coa mente fría as oportunidades de crecer do seu rival e recuperando rendas seguras sempre que o tivo na súa man. Entre unha defensa potente e un ataque coral moi ben organizado, destacaron os seis goles de Elena Martínez, cun 4/4 desde os sete metros, así como a defensa da portería de Amandine Balzinc. A vitoria folgada permite ao Guardés manterse invicto e apertar a loita polo liderado, recortando en diferenza de goles ao Bera Bera.
O marcador inaugurouse cun acerto desde a liña de sete metros por parte da central visitante Nerea Canas, acerto que o Guardés non logrou responder ata unhas xogadas despois (1-1, min. 3). Custou un pouco atopar o ritmo a ambos os equipos nos momentos iniciais, nos que o Beti-Onak non conseguía penetrar na barreira defensiva galega excepto da man da mesma Canas que encadeaba un segundo penalti para pechar o primeiro parcial de cinco minutos (1-2, min. 5).
O Mecalia seguía buscando sensacións ata que, por fin, pareceu atopalas de forma satisfactoria, pois en apenas segundos cambiou por completo o panorama. Lorena Téllez primeiro, María Palomo despois e Ania Ramos en terceiro lugar transformaron senllas recuperacións do esférico para lograr poñer ás súas por diante e comezar a crear unha certa distancia (4-2, min. 6).
Pasaron os minutos e o anfitrión seguiu crecendo, a pesar do tempo morto solicitado por Miguel Etxeberria. O Guardés estaba a demostrar neste momento unha gran actuación defensiva e impedía calquera intento do Beti-Onak de chegar á súa porta, ademais de aproveitarse con atención das imprecisións das navarras para transformalas en puntos ao seu favor. O equipo rival estaba bastante bloqueado, e para o ecuador desta primeira metade apenas chegou a anotar dous goles máis (7-4, min. 14).
Foi entón cando se parou o encontro debido a un golpe recibido por María Palomo, a quen as molestias no nocello impediron saír do campo polo seu propio pé. Nos próximos días, a pivote pasará por consulta e probas médicas para descartar lesións graves.
O ritmo do partido mantívose nos instantes seguintes, coas de Ana Seabra timoneando un marcador que xa comezaba a avultarse. A barreira defensiva guardesa non parecía crebarse, obrigando ás navarras para arriscarse desde os nove metros, á vez que a coordinación ofensiva conseguía atopar ocos importantes ante a portería rival. A renda afastábase (9-5, min. 17).
Parou entón o despregamento de goles locais para sucederse varios minutos de bloqueo para ambos os equipos. A diferenza no luminoso mantívose a falta de cinco minutos para o descanso (10-6, min. 25), cando o Beti-Onak pareceu recuperarse e atopar a faísca que lle faltaba ata entón. Varias aparicións de Amandine Balzinc salvaron os mobles, pero a realidade foi que o Guardés decaeu nos instantes previos á metade do partido e cedeu posicións a unhas navarras que aínda se vían con moitas opcións. A detención do cronómetro solicitada por Ana Seabra non foi suficiente e un último acerto de Laida Urbitarte pechou o período diminuíndo significativamente a vantaxe guardesa (10-8, min. 30).
O encontro retomouse cunha gran acción das anfitrioas, transformada pola capitá María Sancha para tratar de recuperar distancias seguras no marcador. Blazka Hauptman imitouna na xogada seguinte e, xunto cun canonazo desde os sete metros de Elena Martínez, as locais recuperaran o liderado folgado en apenas tres minutos (13-9, min. 33). Un resultado levantado pola gardameta Balzinc, quen tamén brillaba cando debía facelo e acumulaba xa oito paradas ata aquel momento.
Pero a réplica do Beti non tardou en chegar. Da man dunha Mica Casasola que foi como un raio, as navarras espertaron e frearon de novo a crecida guardesa, pero chegando agora a ameazar co empate por primeira vez desde o comezo do encontro (15-14, min. 40). Aínda que a potencia defensiva e a confianza en si mesmo estaban a funcionar, non bastaban xa para o Guardés: tamén había que comezar a limitar erros, pois por pequenos que fosen, daban ás a un rival que seguía atopando momento de lucidez para non descolgarse do partido.
E así foi, pois as de Seabra non estaban dispostas a regalar nin un só punto. Un novo cambio de ritmo demostrou que seguía tendo a tixola polo mango, e en apenas dous minutos leu perfectamente dous erros na defensa rival para volver afastarse no marcador (16-14, min. 42). As de Villava estaban xa moito máis dentro do xogo e non o puxeron tan sinxelo, podendo replicar en varias ocasións, pero sen ser capaces de dar a volta á situación. A liña guardesa aguantou os sucesivos tiróns de orellas e con algo máis de dez minutos para terminar o duelo, o liderado mantíñase nos niveis que afixera ata entón (23-19, min. 49).
Á volta do último tempo morto solicitado polo técnico navarro, Elena Martínez acertou por cuarta vez desde a liña de penalti para inicial o ascenso final das súas. Balzinc mostraba seguridade e precisión baixo paus e sentou as bases para que o xogo ofensivo funcionase como unha engrenaxe perfectamente lubricado: o Guardés puxo o broche de ouro cun contundente 6-1 que elevou a súa renda a niveis case impracticables, prometendo un final de partido glorioso para a afección de O Inferno (29-20, min. 56).
Salvo por un último acerto solto para un Beti-Onak que o tentou todo ata o final, o encontro estaba sentenciado (29-21, final). O equipo miñoto seguiu facendo brillar a un persoal compensado e coordinado á perfección para manterse invicto unha semana máis e asinar unha vitoria de categoría por dous motivos: a renda folgada ante un rival tan complexo física e psicoloxicamente e o feito de que permita ameazar ao Bera Bera, líder grazas á diferenza de goles.
Mecalia Atlético Guardés (10+19): Amandine Balzinc, (p.), María Palomo (3), Lorena Téllez (3), Jazmín Mendoza (2), Blazka Hauptman (2), Cristina Cifuentes (1), Ania Ramos (2) [sete inicial], Cecilia Cacheda (4), Sabina Mínguez (p.), Carme Castro (1), Elena Martínez (6), Rosane Serrano (2), Anouk Nieuwenweg, Ariana Portillo e María Sancha (4).
Replasa Beti-Onak (12+10): Kelly Fonkeng (2), Mica Casasola (2), Graciela Ayelén (1), Lucía Zamora (1), Miren Vallés, María Brasil (2), Isa Fernández-Agustí (3), Aileen Ripa (1), Macarena Sans (4), Almudena Gutiérrez (1), Elsa Ventura, Libe Arruabarrena, Patricina Encinas, Laida Urbitarte (2) e Nerea Canas (2).
Marcador cada cinco minutos: 3-2, 6-3, 7-5, 9-5, 10-6, 10-8, 13-9, 15-13, 19-16, 23-19, 28-29, 29-21.
Árbitros: Jordi Pinilla e Eric Deirós. Excluíron con dous minutos á local Cristina Cifuentes e ás visitantes Libe Arruabarrena, Graciela Ayelén e Almudena Gutiérrez (2) e amoestaron con tarxeta amarela á local María Palomo e á visitante Aileen Ripa.
Incidencias: Partido de sexta xornada da liga Guerreiras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón municipal da Sangriña, aprazado no seu momento por coincidencia coa competición europea para o Replasa Beti-Onak.
Antes de comezar o encontro entregouse un detalle ás xogadoras do Mecalia Atlético Guardés Cadete feminino pola súa clasificación á Liga Oro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario