O sector de coidados protagonizará unha nova xornada de folga o martes 4 para reclamar condicións dignas nas residencias e nos SAF
• A CIG-Servizos convoca tamén mobilizacións en sete localidades do país
Infogauda / Galiza
O persoal do sector de coidados (residencias de maiores e centros de día privados e Servizos de Axuda no Fogar) está chamado a unha nova xornada de folga este martes 4 de novembro para reclamar convenios colectivos que dignifiquen as condicións de traballo e garantan unha atención de calidade. A CIG-Servizos ten convocadas tamén para ese día protestas na Coruña, Compostela, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Ponteareas, localidade esta última na que se está a vivir un longo conflito no SAF polos graves incumprimentos da empresa concesionaria e a desidia do Goberno local.
A central sindical ten en marcha unha campaña de mobilizacións -que incluíron seis paros de 24 horas dende setembro- ante a situación de parálise da negociación dos dous convenios colectivos, cunhas patronais que se negan a sentarse e coa “complicidade” da conselleira de Política Social, Fabiola García, “a pesar de que a Xunta é a máxima responsábel dos servizos de atención ás persoas dependentes”. Neste senso, denuncian que os SAF leva dende 2012 sen convenio e as residencias dende 2023, polo que o persoal do sector padece condicións de precariedade e baixos salarios dende hai anos.
Unha precariedade que se vai perpetuar tendo en conta o proxecto de orzamentos autonómicos para 2026 que se vén de coñecer, “xa que non se incrementan o necesario para dotar de condicións dignas o sector”. Ademais, trátase de partidas orzamentarias non pechadas, polo que en calquera momento se poden mover contías millonarias para outros servizos, “como aconteceu recentemente na partida destinada aos SAF, da que a Xunta detraeu 17 millóns de euros”.
En consecuencia, a central sindical seguirá apoiando as “xustas reivindicacións” das milleiros de empregadas do sector, que continuarán a loitar polos seus dereitos laborais ante a “inacción” e a “falta de vontade política” para dignificar o sector da dependencia e a atención domiciliaria. “Seguiremos esixindo que se escoite ao persoal, que se melloren as condicións laborais e que se poña fin á mercantilización dos coidados”.
Mais tamén para reclamar un Sistema Público Galego de Servizos de Atención as Persoas que integre os centros asistenciais e residenciais da terceira idade; centros de día; centros de atención á diversidade; servizos de Axuda no Fogar; e outros recursos como Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa ou Transporte Adaptado. “Servizos que teñen que estar dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos e nos que se dignifiquen as condicións laborais e salariais do persoal, maioritariamente mulleres, coa aplicación do mesmo convenio”.
Ademais das folgas, o persoal do sector está a protagonizar infinidade de accións para visibilizar o seu conflito, tanto na rúa como en actos nos que participan os responsábeis autonómicos. Hoxe mesmo un grupo de persoas traballadoras volveu mobilizarse en Ferrol con motivo do acto de entrega á Xunta dun centro residencial construído pola Fundación Amancio Ortega -no que estivo o presidente da Xunta e a conselleira de Política Social- para denunciar que o centro vai ser entregado á xestións privada.
Protocolo de protección nos SAF
Por outra banda, dende a CIG-Servizos lamentan que o protocolo de protección para o persoal dos SAF anunciado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non contempla medidas reais e efectivas que garantan a saúde tanto física como mental das persoas traballadoras do sector, “xa que máis ben parece un protocolo elaborado para as empresas”. Diante disto, anuncia que está a incorporar unha serie de propostas que achegará na xuntanza da mesa de traballo convocada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para o vindeiro martes día 4, “curiosamente coincidindo coa xornada de folga no sector de coidados”.
Unha xuntanza que foi convocada tras a solicitude cursada pola CIG diante da FEGAMP tras o anuncio de Rueda, que presentou o documento sen ter pasado antes pola mesa de traballo. “Quedárase en que sería o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza (ISSGA) quen trasladase un borrador para proceder á elaboración definitiva do protocolo; mais ao contrario, o presidente da Xunta adiantou o seu contido e non nos fixeron entrega do texto até que o reclamamos por escrito xunto á solicitude de xuntanza”. Con todo, a central sindical participará no encontro e achegará unha serie de propostas para garantir a integridade das empregadas do SAF, “polo que no caso de non seren aceptadas verémonos na obriga de non ratificar un documento que presenta importantes eivas nese sentido”.
LUGARES E HORARIOS DAS MOBILIZACIÓNS
- A Coruña: Concentración na Fundación Amancio Ortega ás 12:00h.
- Compostela: Concentración na residencia DomusVi Pontepedriña ás 15:00h.
- Ferrol: Concentración no edificio da Xunta ás 11:30h.
- Lugo: Concentración na residencia ORPEA ás 11h e no Concello ás 12h.
- Ourense: Concentración no edificio da Xunta (Casa de Chocolate) ás 11:30h.
- Pontevedra: Concentración na empresa Idades ás 10:30h e na residencia Bouco ás 11:30h.
- Ponteareas: Manifestación dende o Concello ás 11:00h.

Ningún comentario:
Publicar un comentario