ADEGA inaugurou en Tomiño a súa exposición ’50 anos coidando a Terra’
• Poderá visitarse ata o vindeiro 7 de abril na praza do Seixo
Infogauda / Tomiño
A asociación ecoloxista ADEGA inaugurou na praza do Seixo, de Tomiño a exposición que conmemora os seus 50 anos de historia. Esta mostra itinerante, baixo o nome “50 anos coidando a terra”, percorre o medio século de traxectoria, non só da asociación, senón de todo o movemento social galego na defensa da terra e do mar. Logo de recalar por diferentes concellos de Galicia, a exposición fai parada agora no Baixo Miño co obxectivo de achegar á veciñanza os principais fitos, campañas e mobilizacións que marcaron e marcan a historia do ecoloxismo galego.
O acto estivo presentado por Lucía Soliño, presidenta da delegación de ADEGA Vigo-Morrazo, quen agradeceu o apoio do Concello de Tomiño para emprazar esta mostra na vila. No acto estivo presente a súa alcaldesa, Sandra González; representantes da CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños); a edil do PSOE e secretaria da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais (ORGACCMM), Violeta de Santiago; e persoas socias e colaboradoras de ADEGA.
Durante a inauguración, a presidenta da delegación de ADEGA Vigo-Morrazo, Lucía Soliño, agradeceu ao Concello o apoio para emprazar esta mostra na vila e destacou que esta exposición lembra “o poder dunha cidadanía crítica e activa para deter agresións e delitos ambientais que semellaban imposibles de parar, ao tempo que revitaliza as nosas forzas para continuar nesta loita fronte a negacionistas e especuladores que venden ao mellor postor o que é de todas”. A presidenta quixo tamén recoñecer “a todas aquelas persoas que achegaron coñecementos, valentía, tempo e recursos para loitar por unha Galicia e por un mundo máis saudable e máis xusto". Porque, concluíu, “o noso futuro como especie humana depende da saúde e da xustiza ambiental no seu concepto máis amplo”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, parabenizou o labor de ADEGA polas súas “múltiples loitas” en defensa da terra e por ser “exemplo” contra o negacionismo do cambio climático. “Moitas persoas pequenas facendo pequenas cousas, acadan grandes logros”, dixo. O encontro rematou cunha visita guiada pola mostra da man do secretario xeral de ADEGA, Miguel Leirós.
50 anos coidando a terra
A exposición ao aire libre, que permanecerá na Praza do Seixo de Tomiño ata o vindeiro martes 7 de abril, estrutúrase en 16 paneis distribuídos en catro tótems cúbicos, acompañados de bidóns simbólicos que recrean materiais radioactivos, en referencia á oposición galega aos vertidos nucleares na Foxa Atlántica, unha das mobilizacións ecoloxistas máis emblemáticas do país. A través de textos e imaxes, a mostra ofrece un percorrido pola historia da organización e polas principais ameazas ambientais ás que se enfrontou Galiza nos últimos 50 anos, desde a loita contra as verteduras contaminantes e os incendios forestais ata a defensa do territorio fronte á especulación e os macroproxectos industriais.
Esta mostra ten como obxectivo conmemorar o 50 aniversario de ADEGA, promover a educación ambiental e incentivar o compromiso das novas xeracións coa defensa da terra e dun futuro sustentable para Galicia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario