7 de out. de 2025

A GUARDA

O PSOE de A Guarda celebra que, despois de anos de reclamacións, a Xunta avance na senda arredor do Trega  

 O proxecto da senda peonil e ciclista do Monte Trega dá un novo paso adiante coa apertura do proceso de información pública por parte do ente autonómico aprobado no Consello da Xunta


Fátima Rodríguez, portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE de A Guarda, a carón da estrada de Circunvalación ao monte Santa Trega

Infogauda / A Guarda  

 O grupo municipal socialista da Guarda celebra que o Consello da Xunta aprobara onte a apertura do proceso de información pública do proxecto da senda peonil e ciclista que circunvalará o Monte de Santa Trega, ao longo da estrada autonómica PO-352, conectando o núcleo urbano da Guarda con Camposancos.  

 Iso si, a súa portavoz, Fátima Rodríguez, destaca que este anuncio chega “con anos de retraso e cun evidente oportunismo político”, xa que “a Xunta pretende agora botarlle un cable a un goberno popular local que, en máis de dous anos, non foi quen de impulsar nin un só proxecto relevante para A Guarda”.  

 Pola súa banda, a secretaria xeral do PSOE da Guarda, Bárbara Domínguez, lembra que “este proxecto non nace da iniciativa do actual goberno local, senón dunha longa traxectoria de xestións impulsadas polos anteriores executivos socialistas en base ás demandas da cidadanía. Xa en 2020 o Concello presentara na Xunta un anteproxecto da senda para a súa inclusión nos plans de infraestruturas, sen obter resposta naquel momento”  

 O grupo socialista anuncia, ademais, que revisará con lupa o proxecto co fin de vixiar que esta obra se faga con total transparencia, respecto ambiental e co consenso da veciñanza afectada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario