2 de out. de 2025

A GUARDA

Tecendo A Guarda, un obradoiro interxeracional con participantes desde os 12 anos en diante   

As persoas participantes levan varios anos decorando as rúas da Guarda  




Infogauda / A Guarda

 O venres 17 de outubro dará comezo unha nova edición de “Tecendo A Guarda”, mantendo a esencia de anos anteriores: elaborar pezas creativas que encherán espazos públicos da vila con motivos mariñeiros e aspectos propios da vila. Nesta ocasión, o Concello tamén aposta por incluír novidades que supoñan un valor engadido ao traballo realizado ata agora.  

 A primeira é convertelo nun obradoiro interxeracional, xa que se abre a toda a poboación a partir de 12 anos de idade, para ser un espazo de intercambio de saberes e habilidades onde se tezan redes sociais de persoas de varias idades mentres comparten un tempo de lecer creativo e de calidade.   

 As persoas participantes poden elixir entre asistir ao obradoiro para aprender diferentes técnicas manuais (gancho, reciclaxe, etc.) facendo pezas decorativas para a vila ou para uso persoal. Tamén se amplían os espazos públicos nos que lucirá todo o traballo feito, combinando espazos abertos e pechados: praza de Avelino Vicente, praza de San Bieito, balcón e interior da Praza de Abastos, distintas dependencias municipais, etc.   

 O curso terá lugar os venres de outubro a maio, de 16:00 a 18:00 no Club de Maiores, Xubilados e Pensionistas da Guarda e está dirixido a persoas maiores de 12 anos do Concello de A Guarda. 

 Para máis información e inscricións, as persoas interesadas teñen que poñerse en contacto co Concello de A Guarda no teléfono 986 61 00 00 (extensión 7) ou no correo electrónico informacion@aguarda.es 

Ningún comentario:

Publicar un comentario