O Concello de Tui recibe a Tania Fernández e Manu Garrido tras os éxitos acadados no Mundial de Maratón
Infogauda / Tui
Os padexeiros Tania Fernández e Manu Garrido, do club Kaiak Tudense, foron recibidos na casa do concello tras os éxitos acadados no Campionato do Mundo de Maratón en Hungría. Tania Fernández subiu ao máis alto do podio ao proclamarse campioa do Mundo xunto a Tania Álvarez no K2. Mentres Manu Garrido logrou o subcampionato mundial no C2 con Jaime Duro.
O Concello de Tui quixo recoñecer estes novos éxitos deportivos que suman á súa carreira cunha recepción no salón de sesións da casa do concello coa presenza do alcalde, Enrique Cabaleiro, membros da corporación municipal de Tui, así coma integrantes do Kaiak Tudense. O alcalde, Enrique Cabaleiro, trasladou o “orgullo e inmensa gratitude” aos padexeiros xa que dicía “vos tamén facedes internacional este concello cos vosos éxitos”. Sinalou que “é un deber e unha obriga moral este recoñecemento público” que quixo facer extensivo ao conxunto dos deportistas tudenses nas distintas disciplinas afirmando que “somos moi afortunados de que o mundo do deporte en Tui goce de tan boa saúde”. Aludiu ao “compromiso histórico do Concello” co deporte coma demostran as instalacións deportivas que hai no municipio.
Tomaron tamén a palabra os voceiros dos distintos grupos. Nico Montes, voceiro do PP, destacou que un municipio pequeno coma Tui conta con máis de mil fichas de deporte base, e coma Manu e Tania son un exemplo onde se ven os máis novos, ao tempo que agradeceu aos padexeiros “todo o traballo que levades realizando estes anos”. Dende o BNG a súa voceira, Carmen Núñez, incidiu tamén en que “sodes o modelo a seguir no que os rapaces e rapazas máis novas ven que facer deporte é bo”. Felicitou a Tania e Manu por ver recompensado o seu sacrificio e esforzo, agradecéndolles “por o nome de Tui no mapa”. Mentres o concelleiro non adscrito, José Palacín, sinalou como a “alegación deportiva de Tui sodes un orgullo” e afirmaba que “para todos os que pasamos por aquí o deporte é unha cuestión de estado”.
Durante a recepción, Tania Fernández agradeceu “de corazón este tipo de actos", e destacou que "é un orgullo escoitar que somos un reflexo da sociedade que queremos. Afirmou que “se moitos piragüistas de fóra viñemos a facer aquí a nosa vida deportiva é porque nos sentimos apoiados”.
Pola súa parte, Manu Garrido expresou o seu agradecemento afirmando que “é difícil de explicar o que sentimos. Este é un recoñecemento moito máis grande do que parece. Levar o nome de Tui por todo o mundo facémolo con orgullo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario