A veciñanza percorre o Espazo Isaura Gómez, nas xornadas de portas abertas
• O Concello abre esta semana as portas deste espazo cultural con visitas guiadas para grupos reducidos. Inscricións no teléfono 986 622 005
Infogauda / Tomiño
Descubrir o novo Espazo Isaura Gómez recuncho a recuncho. O Concello organiza toda esta semana xornadas de portas abertas para que a veciñanza percorra as instalacións deste novo espazo cultural e de convivencia acompañado do propio persoal da biblioteca municipal, a súa coordinadora Inma Vicente e a responsable da dinamización cultural Lucía Alonso.
Serán con visitas guiadas para grupos reducidos aproximadamente dunha hora de duración que se celebrarán ata este venres de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas e o sábado de 10.00 a 14.00 horas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “estas xornadas de portas abertas son unha oportunidade para que a veciñanza se achegue á riqueza cultural do noso municipio e descubra o Espazo Isaura Gómez dun xeito próximo e persoal, percorrendo cada unha das distintas áreas que alberga”.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente chamando ao teléfono 986 622 005. Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a aproveitar esta oportunidade para coñecer o Espazo Isaura Gómez, percorrer as súas instalacións e conectar cos novos espazos de cultura, lecer e convivencia municipais.
A vindeira semana, os centros educativos de Tomiño poderán coñecer tamén as instalacións coas visitas guiadas que se realizarán polas mañás. Unha iniciativa que permitirá a nenos, nenas e equipos docentes coñecer de primeira man o Espazo Isaura Gómez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario