24 de set. de 2025

TUI

Unha visita ao Museo da catedral pechará a programación do Setembro Xudeu 

  Será este sábado ás 17 h con inicio na portada da catedral, e coincide coa celebración do Día Mundial do Turismo 

 



Infogauda / Tui

 Esta fin de semana, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Turismo, finalizan as actividades programadas polo Concello de Tui para a celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía agrupadas baixo a denominación de “Setembro xudeu en Tui”.   Así este sábado, 27 de setembro, ás 17 h, haberá unha visita guiada á catedral tudense titulada “A presenza xudía na catedral: da pratería aos sambenitos”. Estará a cargo dos historiadores José Ramón Fernández Fernández e Rafael Sánchez Bargiela que achegarán ás persoas participantes aos obxectos mobles que testemuñan a presenza de comunidades xudías e criptoxudías na nosa cidade e a súa pegada nos fondos do Museo catedralicio tudense. A asistencia é libre e gratuíta.  

 Este programa Setembro Xudeu remata precisamente este sábado, 27 de setembro, cando se celebra o Día Mundial do Turismo.  

 A concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, expresa a súa satisfacción por estas visitas que serven para achegarse ao acervo patrimonial xudeu e criptoxudeu que atesoura a nosa cidade e que o Concello de Tui promociona xuntamente coas 21 cidades integradas na Red de Juderías de España. Engade a concelleira que o complemento ideal a estas visitas é o menú sefardí que ao longo do mes ofrece o Parador de Turismo San Telmo sempre con reserva previa.  

 A concelleira tudense lembra que Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).

Ningún comentario:

Publicar un comentario