24 de set. de 2025

TUI

Mercedes Peón inaugura o outono cultural no Teatro Municipal de Tui con “Ingrávida” 

  Será este sábado 27 de setembro ás 20 h con entrada gratuíta e reserva previa en tui.gal 




Infogauda / Tui

 O Teatro Municipal de Tui abre este sábado a súa programación de outono. Faino con “Ingrávida”, o concerto co que Mercedes Peón celebra os 25 anos no mundo da música dende a edición do seu primeiro disco Isué.  

 Será un concerto onde Mercedes Peón percorrerá os seus cinco discos editados en solitario. “Ingrávida” é unha celebración na que a artista se rodea de mulleres ás que admira, músicas que beben da tradición cultural e que aportaron novas olladas ás súas músicas. Un traballo coral centrado na figura de Mercedes Peón acompañada por Elena Vázquez e María Jorge ao violín, Margarida Mariño ao violonchelo, polo grupo de voces líricas “Galíricas”, polos grupos Raigañas de Cerqueda e Xirifeiras, xunto a Mónica de Nut e Ana Fernández.  

 Cunha duración de 70 minutos, “Ingrávida” é unha conexión entre o acústico e a electrónica, unha celebración dos seus 25 anos na música e unha homenaxe á persistencia da creación colectiva, que é un xeito de mirar o mundo.  

 A entrada para este concerto é de balde, e é necesario reservar previamente en tui.gal, xa que as prazas son limitadas.  

 Este espectáculo chega a Tui ao abeiro do programa +Música da Deputación de Pontevedra.  

 A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, convida a acudir a este concerto dunha das figuras destacadas da música en Galicia, e que brindará un espectáculo que encherá de enerxía, forza e música o teatro tudense este sábado. Deste xeito ábrese unha programación que brindará até finais de novembro outros oito espectáculos de cinema, teatro, música e maxia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario