2 de ago. de 2025

O PORRIÑO

O PSdeG-PSOE lamenta a sensación de inseguridade que se respira no Porriño  

 Esta semana o noso municipio pasou de ser a capital das festas á dos tristes sucesos no sur de Pontevedra tras os crimes de dúas mulleres

   

Agrupación do PSdeG-PSOE / O Porriño

 A agrupación socialista do Porriño lamenta profundamente o asasinato de dúas mulleres nunha breve marxe de 72 h. O último deles na mañá deste venres e, aínda que será a autopsia quen confirme se foi unha morte violenta, parece que todos os indicios apuntan a esta posibilidade. 

 Desde o PSdeG-PSOE queremos transmitir a sensación de inseguridade existente entre os veciños xa que, nos últimos anos, delitos continuados como roubos, tráfico de drogas, violencia de xénero ou desfeitas na vía pública volvéronse habituais, convertendo ao Porriño no lugar preferido para a delincuencia. 

 A sensación de inseguridade crece entre os veciños e a falta de efectivos das FCSE é latente, cunha diminución de axentes importante no posto da Garda Civil sita en Torneiros, cuxas patrullas de Seguridade Cidadá ven obrigadas a atender ata nove municipios nunha soa quenda. 

 Pero é que a nivel municipal tampouco se pode sacar peito, xa que estamos a pagar grandes contías económicas en gratificacións de horas extraordinarias na Xefatura da Policía Local, cando o sistema do cuadrante de servizo (7 días traballados / 7 días libres) instaurado en pandemia e que se mantén na actualidade, está a demostrar non ser efectivo, á vez que non cumpre as horas de xornada establecidas. 

 Se a iso sumamos que a vítima de homicidio traballaba na empresa xestionada polo SAF, dependente da Concellería de Servizos Sociais, e que a familia do seu homicida solicitaría axuda a este servizo municipal tamén para avaliar os problemas mentais do agora detido con continuadas visitas a urxencias do Cunqueiro, volvemos atoparnos cunha xestión ineficaz do Concello do Porriño. 

 Difícil é de masticar o feito de que transcendesen, a algúns medios de comunicación, datos que debesen ser confidenciais tales como pantallazos de whatsapp entre a falecida e a empresa concesionaria do SAF, que a pesar de manifestar a súa incomodidade co servizo, viuse obrigada a acudir ao mesmo ata que asinase a súa renuncia. 

 Este tráxico caso tamén nos obriga a revisar como se presta desde o público un servizo tan delicado como o de atención a persoas dependentes, e como non se están implantando medidas efectivas que protexan a quen o sostén: as traballadoras.   

 Desde a agrupación socialista do Porriño non podemos mirar cara a outro lado ante feitos tan graves como os ocorridos esta semana, dos que ademais non fomos informados como membros da Corporación Local, tal como é de obrigado cumprimento. 

 Doutra banda tamén consideramos responsable á Xunta, a través do Sergas e de Política Social, xa que os longos prazos de espera nas consultas de psiquiatría e a falta de medidas de seguridade nos servizos que prestan as concesionarias de SAF, foron claves no asasinato de Mercedes. 

 No caso do Porriño, sabemos que a xustiza fará o seu traballo. Pero a depuración de responsabilidades políticas non pode aprazarse á espera dunha sentenza xudicial, como pretende o goberno local ao anunciar que comparecerá na causa, xa que o feito de comparecer, non é asumir responsabilidades se non tentar esquivalas ata que prescriban. 

 Por todo iso, instamos ao Concello do Porriño á creación dunha Comisión de Investigación destes asuntos, así como a comparecencia do titular de Servizos Sociais no próximo Pleno para responder as cuestións que se expoñen tras estes sucesos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario