Xunta Provincial de Seguridade
Abel Losada subliña o significativo descenso da delincuencia no primeiro semestre do ano en Pontevedra (-5,3%), Vigo (-4,9%) e Vilagarcía (-6,9%)
A delincuencia mantense estable no conxunto da provincia: retrocede un 4,4% no ámbito urbano e sobe un 5% no rural
As estradas da provincia rexistraron un 41,1% menos de vítimas mortais
Hai 1.903 casos activos en VioGén e 1.239 ordes de protección
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou hoxe que a tendencia á estabilidade das estatísticas de delincuencia na provincia no que vai de ano. Así o constatou a Xunta Provincial de Seguridade ao valorar os datos provisionais do primeiro semestre do ano 2025. Os números analizados avalían unha baixada do 4,4% no ámbito urbano, é dicir na Demarcación da Policía Nacional, e unha suba dun 5% no ámbito rural, competencia da Garda Civil.
“As cifras demostran que continuamos reducindo lixeiramente nas cidades e hai un pequeño crecemento no territorio rural, polo que unha cousa compensa a outra”, subliñou o subdelegado do Goberno. Na Xunta Provincial tomaron parte o comisario xefe provincial, Juan José Díaz; o comisario de Vigo, Ramiro Gómez; o coronel da Garda Civil, Manuel Touceda; o tenente coronel, Óscar Grañas; o comandante da Garda Civil de Tráfico, Miguel Martínez, e a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María José Rodríguez.
Na cidade de Pontevedra o descenso total foi dun 5,3% (pasando de 1.782 delitos a 1.686). No ámbito da cidade de Vigo e Redondela a baixada é dun 4,9% no cómputo global (de 7.067 a 6.720 delitos). En Vilagarcía a delincuencia retrocedeu un 6,9% no primeiro semestre de ano (de 936 a 871 feitos delictuosos). O contrapunto, como xa sucedeu no primeiro trimestre do ano, chega coa Comisaría de Marín que subiu un 15,6% na delincuencia total (de 351 a 406 delitos), dato que se atribúe á actuación de dous grupos xa detidos. Abel Losada remarcou que as estatísticas provisionais da Policía Nacional analizadas hoxe son algo máis amplas, pois recollen o período entre o 1 de xaneiro e o 20 de xullo, polo que pode haber pequenas variacións respecto dos números semestrais (1 xaneiro a 30 de xuño).
No territorio rural, ámbito da Garda Civil a delincuencia experimentou unha suba dun 5%, pasando de 6.733 a 7.074 denuncias no semestre. Esta lixeira tendencia á alza no rural confirma o que xa sucedeu no primeiro trimestre do ano.
Ciberdelincuencia
Tanto os responsables da Policía Nacional como da Garda Civil manifestaron a súa preocupación polo impacto da ciberdelincuencia na provincia, que xa supón un 15,9% do total dos delictos na Demarcación da Policía Nacional e un 28% no da Garda Civil. Remarcouse que son actuacións que deberían separarse nas estatísticas, porque na meirande parte dos casos son perpetradas por persoas que actúan a distancia e que, por tanto, non teñen o mesmo impacto na seguridade percibida pola cidadanía.
Seguridade viaria
Nas estradas da provincia faleceron 10 persoas no primeiro semestre do ano, que son un 41,1% menos sobre as 17 que perderon a vida no mesmo período do ano pasado. Valorouse o despregamento que está a facer o Subsector de Tráfico para loitar contra as concentracións ilegais en polígonos industriais, así como para garantir a seguridade en eventos ligados ao mundo do motor. Ademais, deuse conta da actividade en control de alcohol e drogas, convertendo a Pontevedra nunha das provincias máis activas de España nesta actividade preventiva, chegando a superar los 3.000 positivos no semestre. Finalmente, incidiuse nos bos resultados que estáa achegar o plan de control de infractores multirreincidentes, con máis de 30 denuncias só neste mes de xuño.
Finalmente avaliáronse as estatísticas de violencia de xénero. Hai un total de 1.903 vítimas protexidas polo sistema VioGén, das que non hai ningunha en risco Extremo, mentres que hai 22 en Alto, 311 en Medio e 1.570 en Baixo. Hai un total de 1.239 ordes xudiciais de protección en vigor. Por outra banda explicouse que 1.029 vítimas están baixo o amparo da Garda Civil, 508 da Policía Nacional, 105 da Unidade Adscrita da Policía nacional e 261 das policías locais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario