10 de xul. de 2025

O ROSAL

Catro nenos e nenas saharauis chegan ao Rosal para vivir unhas ‘Vacacións en paz’  

  A alcaldesa recibiu á rapazada e familias que participan nesta iniciativa da asociación SOGAPS, que achega durante o verán á cativada unha estancia segura e enriquecedora

   

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, recibiu este xoves ás e aos menores e ás súas familias de acollida
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 Un verán distinto, cheo de ilusión e novas experiencias agarda aos catro nenos e nenas saharauís que acaban de chegar ao Rosal para vivir unhas ‘Vacacións en paz’. Procedentes dos campamentos de refuxiados en Tinduf, no deserto do Sáhara, estes pequenos e pequenas convivirán durante os meses de xullo e agosto con familias rosaleiras que lles brindarán agarimo, coidado e a oportunidade de descubrir outra cultura e maneira de vivir. 

 Este programa posto en marcha pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) ofrece a rapaces e rapazas unha oportunidade vital para fuxir das extremas condicións climáticas do Sáhara e vivir experiencias de cariño, aprendizaxe e integración. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, recibiu este xoves ás e aos menores e ás súas familias de acollida, e destacou que “este programa non só ofrece aos nenos e nenas unha estancia segura e agradable, lonxe das temperaturas que no Sáhara superan os 50 graos no verán, senón que tamén contribúe a promover valores tan necesarios como a tolerancia, a solidariedade e o respecto entre pobos”. 

 A través da iniciativa ‘Vacacións en Paz’ cada ano mozas e mozos procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís pasan dous meses en Galicia mellorando a súa saúde grazas á asistencia médica e á alimentación, ao tempo que perfeccionan o castelán e o galego e gozan dun tempo de lecer nun ambiente familiar e culturalmente diferente. 

 A alcaldesa quixo agradecer “a todas as familias rosaleiras que este ano se sumaron a esta iniciativa tan solidaria e humana, porque acoller un neno ou nena saharauí non é só ofrecer unha casa temporal, senón tamén abrir o corazón e a mente a unha experiencia que enriquece a todos”. 

 Desde a asociación e as familias, este programa é visto como unha oportunidade para que os pequenos “estabelezan unha relación moi bonita e un vínculo que pode durar toda a vida”. Unha experiencia de vida marcada pola empatía e o compromiso coa infancia que nace nun clima de guerra, ofrecéndolles unha alternativa chea de esperanza e convivencia. 

 Con esta acollida, O Rosal reafirma a súa aposta pola solidariedade activa e o compromiso con causas globais, transformando a vida dos seus veciños máis pequenos e fomentando pontes de amizade entre Galicia e o Sáhara.

Ningún comentario:

Publicar un comentario