17 de xul. de 2025

A GUARDA

O XXX Encontro dos Pobos trae amizade, música e tradición

O grupo invitado deste ano é Itxas-Alde Dantza Taldea, de Bakio (Bizcaia), para representar as danzas tradicionais vascas 

 As actuacións comezarán o xoves, 24 de xullo,  ás 20:30h no auditorio de san Bieito

 

Itxas-Alde Dantza Taldea
Foto: Cedida


Infogauda / A Guarda 

 O 24 de xullo, véspera do Día Nacional de Galicia, o grupo Do Lusco ó Fusco celebrará o XXX Encontro dos Pobos, un festival xa arraigado que tenta fomentar a convivencia, o entendemento e o respecto mutuo a través do intercambio de tradicións, músicas, danzas e costumes. O evento dará comezo ás 20:30h no auditorio de san Bieito.  

 Este ano, a parte dos anfitrións e do grupo Vento Mareiro, de A Guarda, contaremos coa actuación de Itxas-Alde Dantza Taldea, de Bakio (Bizcaia). Eles representarán as danzas tradicionais de cada unha das provincias do Euskadi, sen esquecer os bailes dos territorios do Ipar Euskal Herria, ou Pais Vasco francés, e os tan extendidos Jauziak, que en galego significa Saltos, que son os bailes por antonomasia da rexión continental de Euskal Herria (é dicir, da Baixa Navarra -incluso Luzaide- e os territorios de Lapurdi e Zuberoa) e do país de Bearne. En Luzaide coñécense tamén como iantza-iauziak tamén forman parte do repertorio que ofrecen.   




 O Encontro dos Pobos busca preservar a autenticidade e a riqueza do patrimonio cultural galego a través da indumentaria, os bailes, os cantares e os instrumentos tradicionais, e tamén o achegamento a outras culturas que tamén teñen nas súas músicas e danzas, un xeito de expresión que provén de tempos moi antigos.

Itxas-Alde Dantza Taldea 

 Esta asociación - fundada en 1972 - conta hoxe en día con máis de 100 integrantes, todos eles novos.  Desde a súa orixe, dedicouse á aprendizaxe e difusión da cultura vasca. Así, contou, no seu seo, cunha agrupación coral e un grupo de teatro, en distintas épocas. Actualmente, a súa actividade principal é o estudo e divulgación das danzas e melodías tradicionais vascas.  

 Conta cun repertorio de máis de 100 bailes, das distintas zonas do País. Nas súas actuacións utiliza, tanto instrumentos musicais folclóricos tradicionais (Txistu, dozaina, txirula,...), como outros incorporados desde diferentes culturas (acordeón, pandeireta...).  

 Ademais das realizadas en Bakio, Itxas-Alde realiza moitas outras actuacións en distintos puntos de Euskalherria, tanto en solitario como en festivais en compañía doutros grupos.  

 Un dos obxectivos principais de Itxas-Alde é o coñecemento doutras culturas, mediante a organización de intercambios culturais. Para iso, organiza un Festival anual en Bakio, convidando a grupos estranxeiros, acudindo, en correspondencia, aos seus países de orixe. Con esta intención comezou Itxas-Alde, en 1991, a viaxar fora do País Vasco.  

 Desde entón, ofreceu unha pequena estampa da cultura vasca en Portugal, Francia, Cataluña, Rusia, Turquía, Italia, Arxentina, Bulgaria, Escocia, Polonia e Costa Rica.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario