15 de xul. de 2025

TUI / VALENÇA DO MINHO

Luis López destaca o impulso do festival Ikfem como un motor para descentralizar a axenda musical, potenciar o turismo e afrontar o reto demográfico a través da cultura 

  O presidente provincial participa na fortaleza Valença do Minho na presentación da edición 32 deste festival que contará coas actuacións de músicos como James Rhodes, Antonio Orozco ou Fillas de Cassandra a un lado e outro do río Miño


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, co presidente da Câmara Municipal de Valença do Minho, Manuel Vaz Carpinteira; o alcalde do Concello de Tui, Enrique Cabaleiro; o deputado de Cultura, Jorge Cubela; xunto coa directora do festival, Andrea González, e unha compoñente do seu equipo, na presentación do festival Ikfem

Foto: D.PO.

Infogauda / Valença do Minho

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o impulso que o festival Ikfem, que se celebra esta semana en distintos puntos da eurocidade Tui-Valença, como un motor para a descentralización da axenda musical na provincia, para potenciar o turismo no interior da provincia e afrontar o reto demográfico a través da cultura. Fíxoo na presentación do festival Ikfem, á que tamén asistiu o deputado de Cultura, Jorge Cubela; e que contou na Fortaleza de Valença do Minho co ensaio en directo dos músicos Antonio Orozco e Rita Rocha. “Co Ikfem construímos unha rexión rica en cultura e sen fronteiras, promovemos con forza o intercambio artístico e situamos á eurocidade Tui-Valença no epicentro da vangarda da creación musical e cultural”, afirmou o presidente provincial Luis López.    

 O festival Ikfem sobe o pano da súa décimo terceira edición este mércores e contará coa actuación de músicos de recoñecido prestixio como Antonio Orozco, James Rhodes, Rita Rocha, Milhanas ou as Fillas de Cassandra ata o vindeiro 20 de xullo con dous escenarios principais situados na Alameda de Tui e na Fortaleza de Valença do Minho. “O festival Ikfem xa é unha referencia a nivel musical no noroeste peninsular, tamén no norte de Portugal. Trece edicións que demostran que tendendo pontes se poden realizar proxectos deste gran calado, o dinamismo cultural, o talento e a creatividade desta rexión transfronteiriza; e que a descentralización da cultura permite dar pasos adiante na cohesión do territorio, na loita fronte ao reto demográfico e a mellorar a calidade de vida da veciñanza”, sinalou o mandatario provincial.   

 Neste sentido, o presidente da Deputación fixo fincapé no papel da cultura como motor de cohesión territorial. “Podemos imaxinar que da man das grandes infraestruturas podemos chegar a estas tres cuestións, pero non. A cultura é un gran motor de equilibrio social”, dixo para xustificar o papel  do organismo provincial como socio estratéxico no apoio a este festival como noutros proxectos relacionados coa cultura, o turismo ou as infraestruturas.   

 “O río Miño non é unha fronteira que nos separa, é unha ponte que fai desta eurorrexión un destino turístico atractivo e diverso cunha axenda cultural variada e atractiva; unha ponte que nos fai máis competitivos para conseguir recursos que nos permiten avanzar en mellores infraestruturas e servizos; e unha ponte de colaboración para o noso tecido económico, empresarial e social que constrúen unha rexión máis competitiva”, concluíu Luis López para poñer en valor o papel da directora do festival, Andrea González, e o seu equipo e convidar a todo o mundo a achegarse esta semana a Tui e Valença para “desfrutar dunha música de primeira”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario