A segunda edición da Rosegha arrinca cunha marea de público e tradición mariñeira no porto da Guarda
• O porto da Guarda convértese no epicentro da cultura do mar cunha participación entusiasta e unha programación que combina artesanía, historia e creatividade
A embarcación tradicional Piueiro foi unha das protagonistas indiscutibles do día, con todas as prazas cubertas nas súas saídas ao mar
Mar Bermúdez / A Guarda
A Rosegha iniciou este sábado a súa segunda edición cunha resposta masiva do público e un ambiente que devolveu ao porto da Guarda a súa esencia máis mariñeira. A xornada inaugural encheu o paseo marítimo de familias, curiosos e afeccionados que se achegaron a vivir unha festa que honra a memoria do mar desde múltiples linguaxes: a navegación, a construción artesanal, o xogo e o patrimonio.
A embarcación tradicional Piueiro foi unha das protagonistas indiscutibles do día, con todas as prazas cubertas nas súas saídas ao mar. Tamén as navegacións de maquetas, tanto diúrnas como nocturnas, atraeron todas as miradas: réplicas de barcos de guerra, embarcacións de vela e pesqueiros -incluso unha réplica do volanteiro- desfilaron en miniatura diante dun público entregado.
Os obradoiros de barcos de lata e navoas de cortiza, especialmente deseñados para os máis pequenos, foron outro dos puntos fortes. Os barquiños feitos a man polos nenos navegaron nas augas do porto converténdose nun símbolo perfecto do espírito da festa: tradición que se transmite, se aprende e se celebra.
Desde a Asociación Piueiro destacan “a enorme acollida desta primeira xornada e o orgullo colectivo que se respira no porto cando a comunidade volve mirar cara ao mar con sentido e con identidade”.
A festa continúa este domingo cun dos momentos máis destacados da edición: a Homenaxe aos gameleiros, prevista para as 11:00 h. Se o tempo o permite, izaranse tres velas de gamela moi antigas a bordo de embarcacións tradicionais, nun xesto simbólico que lembra os días nos que preto de cen gamelas saían a faenar dende este mesmo porto.
A Rosegha está organizada pola Asociación Piueiro e conta coa colaboración do Concello da Guarda e o apoio da Deputación de Pontevedra. A festa reafirma tamén o seu carácter transfronteirizo coa participación de colectivos e público chegado desde o país veciño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario