VISTO NO PASEO MARÍTIMO DE A GUARDA
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Camiñando, sen présa, polo paseo marítimo de A Guarda, o
cronista observa que na zona do
Cangrexal, unha varanda que fora construída con
materiais férricos, xace arrombada en
dous anacos -, coma un esquelete, apoiado nun penedo. Alí estaban inmóbiles, na
baixamar. Nunha actitude de S.O.S. da resignación, dirixido a quen o queira
atender. O cronista tira unhas fotos. Non hai dúbida, a forza do mar e súa
composición natural, puideron máis que a varanda.
Enfronte, a estribor,
hai outra varanda. Xemelga, ainda que en mellor estado de conservación. Tamén
está mancada. Un dos pes de apoio está no ar. E a ferruxe xa é moi visíbel.
Uns pasos cara o
poñente, pola Robaleira, feita memoria que ainda resiste – como o Cangrexal – o
paso do tempo, e a condea do obcecado aterramento, da pedra sen vencello xeolóxico coa nosa localidade, e do formigón; o cronista observa un
talo doutra varanda xa inexistente, e varios pasos dunha escaleira de pedra,
a cal perdeu varios dos seus chanzos, algún dos cales atópanse baixo a auga,
dándolle acubillo ás caramuxas, e se cadra mesmo a algún caranguexo supervivente aos ganapáns estivais.
Hai perigo neses lugares. Para persoas adultas e para á xente máis nova.
O cronista deixa constancia dos feitos. E se alguén ten que facer algo que o faga. Que entre outras cousas, para iso cobran.
Dito queda coa mellor intención.
Ningún comentario:
Publicar un comentario