A Deputación de Pontevedra destina preto de 33.000 euros a unha cooperativa do Rosal
• Trátase de Porta Río Miño que recibirá recursos da liña de axudas provincial ás cooperativas agrogandeiras para adquirir un camión
Infogauda / O Rosal
A Deputación de Pontevedra destina neste 2025 preto de 33.000 euros a unha cooperativa do Rosal. Así o confirmou o presidente provincial Luis López, trala aprobación na Xunta de Goberno do reparto das axudas provinciais ás cooperativas agrogandeiras da provincia que, este ano, ascenden a 350.000 euros, 100.000 euros máis que o pasado ano. “O sector primario –asegurou o presidente- é un sector económico fundamental para a nosa provincia, motor de emprego e de dinamismo, fundamentalmente en zonas de reto demográfico e do interior da provincia”.
Na zona do Baixo Miño benefíciase desta liña de recursos provinciais Porta Río Miño, con preto de 33.000 euros para facer fronte á adquisición dun camión. En total, no conxunto da provincia esta liña de axudas chegará a 12 cooperativas que recibirán entre os preto de 6.000 euros de contía mínima e os máis de 45.000 euros de máxima para facer fronte a investimentos como adquisición de parcelas, vehículos, maquinaria ou equipos e sistemas informáticos ou para realizar obras nas súas instalacións.
López subliñou a estreita relación que ten o sector primario con outros sectores económicos de importancia na provincia como é o turismo, “ao proporcionar produtos de quilómetro cero a unha gastronomía, como a nosa, que nos identifica e posiciona no mundo”. Por estes motivos, o presidente amosou a vontade de “estar ao carón do sector agrogandeiro, con liñas de axudas como esta, que avanzan na modernización do seu tecido produtivo para que poidan gañar en competitividade e ir, como esta provincia, sempre a máis”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario