5 de xuño de 2025

O ROSAL

O Rosal comeza xuño cunha nova visita da unidade móbil de doazón de sangue  

  Será o luns 9 de 10.15 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 h. O autobús estará na rúa Ramón Franco, nº 4   




Infogauda / O Rosal 

 O Rosal comeza o mes de xuño cunha nova visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS). O vindeiro luns 9 o autobús chegará ao municipio para abrir as súas portas a todas aquelas persoas que desexen sumarse ao equipo de doazón de sangue e achegar a súa pinga de solidariedade. 

 Como é habitual, esta unidade móbil estará situada na rúa Ramón Franco 4, diante da sucursal de Abanca, e atenderá ao público de 10.15 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Dende ADOS fan un chamamento a doar especialmente a aquelas persoas con sangue A-, 0+, 0-, B+ e AB-, xa que nestes intres as reservas destes tres grupos sanguíneos están baixas. As persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828. 

 O proceso, que apenas dura 10 minutos, permitirá salvar ata tres vidas por cada persoa doante. É importante lembrar que poderán doar rosaleiros e rosaleiras con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É imprescindible levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento. 

Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS)

 Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario