13 de xuño de 2025

NIGRÁN

ACORDOS DA XUNTA LOCAL CELEBRADA HOXE EN NIGRÁN

• Aprobouse o dispositivo de seguridade polas festas de San Xoán en Patos, Panxón e Praia América


Un momento da Xunta Local de Seguridade celebrada hoxe na Casa do Concello de Nigrán
Foto: S. do G.

Infogauda / Nigrán

 Na mañá deste venres, 13 de xuño, no Concello de Nigrán, celebrouse Xunta Local de Seguridade. Presidida polo alcalde, Juan González, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, asistiron representantes do Concello, Subdelegación, Policía Local, Protección Civil e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.     

 Aprobouse o dispositivo de seguridade polas festas de San Xoán en Patos, Panxón e Praia América. Deuse conta da normativa municipal sobre uso dos areais, da situación do punto lila, dos horarios, do dispositivo de transporte, da instalación do Punto de Mando Avanzado (PMA) e da instalación de sete cámaras fixas de vixilancia e un dron cautivo.     

 O tenente coronel da Garda Civil, Óscar Grañas, informou da evolución das estatísticas de delincuencia en Nigrán no primeiro cuatrimestre do ano, no que se produciu un descenso dun 9,27% con respecto ao mesmo período do ano pasado. Pasouse das 248 denuncias do comezo de 2024 a 225 neste ano.     

 Abel Losada felicitou ao Concello pola excelente coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil, garantindo así a seguridade da veciñanza e dos visitantes.     

 O alcalde, Juan González, reiteirou a vontade política e tamén da Policía Local por incorporarse ao sistema de protección integral das mulleres, VioGén, en canto culmine o reforzo da plantilla. A xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, María José Rodrìguez, explicou que en Nigrán hai 24 casos activos, dos que 2 están en risco medio, 11 en baixo e 11 en non apreciado. Hai 15 ordes de afastamento en vigor e unha vítima dispón de teléfono Atempro (dispositivo financiado polo Ministerio de Igualdade para vítimas de violencia de xénero e/ou sexual).

Ningún comentario:

Publicar un comentario