SOS Sanidade Pública
Área Sanitaria de Vigo
Denunciamos a opacidade e o incumprimento do Conselleiro de Sanidade sobre o acordo con Ribera-POVISA e reclamamos un Plan de investimento para a Área Sanitaria de Vigo.
Denunciamos a opacidade e a falta de transparencia do novo acordo asinado entre a Consellería de Sanidade e o hospital Ribera-POVISA.
A Área Sanitaria de Vigo, responsable de prestar a asistencia sanitaria pública, ten unha parte da súa poboación, aproximadamente 120.000 persoas, atendidas nun hospital privado, en virtude dun acordo que vén de ser asinado, sen que existan recursos públicos alternativos para atender a este sector da poboación.
Por este motivo, a negociación deste acordo prodúcese nunha situación de desigualdade, na que a Consellería de Sanidade non dispón de recursos sanitarios públicos, nin materiais nin humanos, para atender ao 100% da cidadanía, mentres que o grupo Ribera-POVISA está nunha fase de crecemento e expansión.
Neste contexto, ao non existir unha alternativa asistencial pública, a negociación deste acordo está condicionada polo grupo privado, cuxo obxectivo é incrementar os beneficios económicos dos seus accionistas.
A Consellería de Sanidade acaba de asinar un novo contrato de xestión de servizos de atención hospitalaria co grupo Ribera-POVISA, con total opacidade e falta de transparencia. A través deste contrato vai seguir prestando atención hospitalaria a un sector de poboación de aproximadamente 120.000 persoas.
Unha vez máis, ponse de manifesto o tantas veces denunciado desde SOS Sanidade Pública, que un dos factores determinantes da redución do deseño arquitectónico e do plan funcional do Novo Hospital de Vigo era precisamente poder manter a actividade asistencial do contrato con POVISA.
Denunciamos o incumprimento do Conselleiro de Sanidade do seu compromiso de informar sobre as condicións do acordo unha vez finalizada a negociación.
O Conselleiro comprometérase a proporcionar información sobre o acordado antes de que a súa sinatura se fixese pública nos medios de comunicación.
A día de hoxe, sabemos da sinatura do acordo a través dos medios, pero non recibimos ningunha información da Consellería de Sanidade nin se fixeron públicos os termos do acordo.
Desde a Plataforma, exiximos coñecer os termos do contrato e que o Conselleiro cumpra co seu compromiso de facilitar o seu contido e a Consellería, coa súa obrigación de transparencia.
Reclamamos un Plan de investimento para a Área Sanitaria de Vigo.
A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo esixe á Consellería de Sanidade que desenvolva un plan de investimentos que permita recuperar os recursos asistenciais públicos previstos inicialmente no deseño e planificación da nosa Área Sanitaria, no momento da construción do Novo Hospital de Vigo, no ano 2006.
O cambio de modelo do Novo Hospital de Vigo supuxo a renuncia do Partido Popular a dotarnos dos recursos sanitarios públicos necesarios para atender ao 100% da cidadanía e condenou a unha parte desa cidadanía a ser atendida nun hospital privado, nas condicións establecidas pola empresa propietaria dese hospital.
Por estas razóns a Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo reclama:
• A ampliación do Hospital Álvaro Cunqueiro, recuperando o plan funcional inicial do Novo Hospital de Vigo.
• A reordenación asistencial da área urbana de Vigo, reivindicando un Centro de Alta Resolución coas especialidades máis demandadas pola poboación no centro de Vigo.
• A construción do Centro de Alta Resolución, tal e como estaba previsto, no Morrazo.
• A recuperación da Atención Primaria, analizando a situación de recursos humanos e materiais dos centros de saúde e adecualos ás necesidades da poboación segundo os ratios de persoal e de financiamento que recomenda a OMS. Así como reforzar os Puntos de Atención Continuada (PACs).
Para facer todo isto posible, a Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo reclama o incremento do investimento en sanidade pública na Área Sanitaria de Vigo nos próximos orzamentos da Xunta de Galicia.
Vigo, 20 de maio de 2025
Plataforma SOS Sanidade Pública da Área Sanitaria de Vigo
Ningún comentario:
Publicar un comentario