O GRUPO SOCIALISTA PIDE MELLORAR A SINALIZACIÓN NO CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA
Grupo Municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda
O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar unha moción para ser debatida en pleno na que solicita ao goberno municipal a instalación de sinalización clara e visible para orientar aos peregrinos e peregrinas que chegan ao municipio polo río desde Caminha.
O Camiño Portugués da Costa é unha ruta xacobea en constante crecemento, que atravesa o noso municipio e representa un activo cultural, turístico e económico de gran valor para A Guarda. Tradicionalmente, o paso do río Miño realizábase a través do servizo de ferri entre Caminha e A Guarda. Porén, trala suspensión deste servizo, moitos peregrinos e peregrinas están a utilizar embarcacións privadas portuguesas para facer a travesía.
Estes barqueiros adoitan desembarcar aos/ás camiñantes en puntos non oficiais, como a praia da Lamiña. Esta práctica provoca importantes problemas de orientación para os/as peregrinos e peregrinas, que se atopan á súa chegada sen indicacións claras sobre o camiño a seguir.
Moitos destes/as camiñantes son dirixidos/as polos propios barqueiros cara á senda litoral, o que fai que, ao chegar á zona do Muíño, non saiban por onde continuar. Nalgúns casos, ao consultar o seu teléfono móbil, a aplicación de mapas recondúceos cara atrás para retomar o camiño oficial, obrigándoos/as a desandar o camiño andado. Isto xera confusión, frustración e unha imaxe pouco organizada do noso municipio.
A situación repítese tamén cos peregrinos e peregrinas que chegan en servizos como o Xacobeo Transfer ou en lanchas con atraque autorizado no pantalán da Pasaxe. Os patróns destas embarcacións indican que poden seguir o Camiño polo itinerario oficial ou continuar pola senda litoral, neste caso sen que exista unha sinalización unificada nin clara, polo que podemos ver diariamente a peregrinos/as perdidos/as pola zona.
Coa mellora da sinalización, contribuiríase a solucionar unha situación que se repite cada día, e sobre todo reforzar a imaxe da Guarda como un concello hospitalario, coidadoso e plenamente integrado nun dos itinerarios xacobeos máis importantes da actualidade.
A Guarda, a 19 de maio de 2025
Ningún comentario:
Publicar un comentario