O FEMINISMO MUDA A HISTORIA, SEN LOITA NON HAI FUTURO!
Resposta Feminista - As que miran lilá / Vigo
Dende Resposta Feminista - As que miran lilá, plataforma feminista viguesa composta por máis de 50 mulleres individuais e diversas entidades feministas da cidade -As da Industria, A Morada, Nós Mesmas, Comando Igualdade, Grupo Violeta de Greenpeace, Sección Ecofeminista de Ecoloxistas en Acción, Secretaría das Mulleres de CCOO, Secretaría das Mulleres da CIG-, chamamos a todas as mulleres da comarca, e á cidadanía en xeral, a ocupar as rúas na gran manifestación do 8M que sairá ás 18:30h da Praza dos Cabalos.
Resposta Feminista xorde en 2024 tomando o relevo das distintas plataformas que mobilizaron e convocaron ao feminismo na cidade como foron Feminismo Unitario, Galegas 8M, Marcha Mundial das Mulleres ou a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto.
Dende Resposta Feminista traballamos na construción dun espazo que loite en clave local, onde a pluralidade é considerada riqueza e os distintos sentires dos feminismos suman forza.
Como as nosas predecesoras, bebemos dos feminismos autónomos, desvinculadas de siglas partidistas, cun compromiso claro de representar e loitar polas mulleres máis vulnerables e convocando mobilizacións que non deixen a ningunha atrás.
Baixo o lema “O feminismo muda a historia, sen loita non hai futuro!”, percorreremos as rúas de Vigo, orgullosas do que a loita feminista leva acadado e enérxicas na loita do que queda por facer.
Este ano celébrase o 30 aniversário da IV Conferencia da muller de Beijing, un momento de inflexión na historia do feminismo, no que se marcaron 12 áreas de traballo que continúan vixentes e que nos servirán de fío condutor para celebrar o logrado, vixiar que non haxa retrocesos e continuar pelexando até que a igualdade sexa unha realidade.
O 8 de marzo é unha data que nos permite representar na rúa o traballo que o feminismo fai os 365 días do ano e este ano, dende Resposta Feminista, queremos por o foco principalmente no papel transformador que ten o movemento feminista, nos dereitos e recursos conquistados grazas ao traballo incansable de moitas mulleres loitadoras, porque nada nos foi regalado e, grazas a esta movemento incansable, a transformación social contra o sistema patriarcal parece máis real hoxe.
Queda moito traballo por facer, é por iso que neste 8 de marzo tamén sairemos á rúa para seguir loitando:
• Polo final da explotación de mulleres e a violencia sexual, por un modelo no que o centro da nosa sexualidade sexa o desexo e onde ningunha muller se vexa obrigada a empregar o seu corpo como mercadoría.
• Contra a explotación de mulleres por medio dos ventres de alugueiro.
• Porque a coeducación sexa unha realidade en todas as aulas galegas.
• Pola igualdade real no deporte, apoiando especialmente a reivindicación do clube feminino Sárdoma de futbol que reclama a mesma contía económica para este que a que se lle asigna aos clubes masculinos na mesma categoría.
• Contra todas as discriminacións que sofremos as mulleres no mundo do traballo e esixindo medidas efectivas que loiten contra a precarización das nosas condicións de traballo.
• Contra a privatización de servizos públicos, pondo o foco especialmente nos servizos e recursos destinados as mulleres que no concello de Vigo xestionan empresas privadas como o centro de documentación feminista, os puntos lilás, a casa das mulleres,..., esiximos servizos públicos de xestión pública e de calidade.
• Denunciamos a situación na que se atopan moitas mulleres migrantes na Galiza, xa que a normativa actual en materia de estranxeiría provoca moitos contextos de vulnerabilidade.
• Tampouco podemos esquecer a solidariedade internacionalista, é por iso que non podemos pasar sen mostrar o noso máis sincero apoio ao pobo de Gaza, especialmente ás mulleres gazatíes ante o xenocidio que están sofrendo.
• E por último, non permitiremos que a ameaza fascista cos seus discursos retrógrados, nos devolva ao silencio e destrúa os avances sociais que acadamos co feminismo. Non imos permitir que se bote por terra nin un só avance! Estamos alerta, vixiantes e en pé de loita!
Seguiremos na loita, como dicía Rosa Luxemburgo, “por un mundo onde sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres”.
Baixo o lema “O FEMINISMO MUDA A HISTORIA, SEN LOITA NON HAI FUTURO!!”, o vindeiro 8 de marzo ás 18:30h contamos contigo na Praza dos Cabalos para berralo ben forte:
Feminismo sen tregua!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario