O GANDO PACENDO..., E OS DONOS DAS LEIRAS SOFRENDO
• Cuestionada a transparencia na xestión das solicitudes de axudas da Política Agraria Común (PAC)
Infogauda / A Guarda
No mes de xullo de 2024, varias persoas veciñas do concello de A Guarda estiveron recibindo por correo postal unhas comunicacións provenientes do Ministerio de Hacienda, relacionadas coas solicitudes de axudas da Política Agraria Común (PAC), que están afectando, segundo puidemos saber, a un número indeterminado de fincas rústicas cuxos titulares víronse sorprendidos polo contido das devanditas comunicacións e polas repercusións que as mesmas poidan conlevar.
Segundo testemuñas de varias persoas, nas cartas recibidas figuran – ademais dos datos da parcela afectada, nome e apelidos do seu titular, así como o nome e apelidos dunha persoa, como solicitante das devanditas axudas da PAC. Asemade, salvo que se demostre o contrario, a aludida persoa - solicitante das axudas da PAC - non vén realizando directamente tarefas de gandeiría na parroquia de Salcidos (A Guarda).
De acordo coas mesmas fontes, nin coñecen a esa persoa nin tiñan coñecemento da variación catastral, nin de como lles pode afectar que súas propiedades, pasen - de xeito artificioso - de teren como "uso principal: agrario", a teren como cultivo/aproveitamento: "prados ou praderías".
Esa situación, presuntamente inédita ata o de agora no termo municipal de A Guarda, motivou que as persoas afectadas, propietarias das leiras supostamente incluídas por alguén, nas solicitudes de axudas da PAC, estivesen consultando – ata onde sabemos - a nivel particular, para tratar de dar os pasos necesarios e dentro do prazo indicado polo referido ministerio comunicar o que estimasen procedente.
En todo caso, dada á complexidade que iso conleva, varias persoas que recibiron as devanditas comunicacións, víronse na necesidade de recabar os servizos de colaboradores sociais a fin de tentar revertir á situación. Como consecuencia do labor dos devanditos colaboradores sociais, as persoas propietarias de terreos agrícolas víronse tamén na necesidade de afrontar o pago dos correspondentes honorarios dos profesionais que interviñeron en nome de cada un dos afectados.
Todo iso poderíase haber evitado se os organismos correspondentes (Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador da PAC adscrito á Consellería do Medio Rural, da Xunta de Galicia,…) houberan tido o detalle de verificar cos propietarios das terras agrícolas se habían dado ou non, autorización algunha a persoa que figura como solicitante de axudas da PAC. Non temos constancia de que iso se houbera feito, e a día de hoxe continuamos ollando como a actividade gandeira en extensivo continúa, co gando pacendo, de xeito rotatorio, en diferentes propiedades agrícolas, e os donos das leiras sofrendo, xa que ninguén contou con eles para nada. Nin para unha posible cesión de balde ou mediante un contrato de arrendamento temporal. Ou se cadra, nin para un suposto nin para outro, decisión respectable, que coidamos, lle corresponde ao titular dos terreos agrícolas. A ninguén máis.
Moitas persoas propietarias de terreos - de clase rústica, cun uso principal agrario - síntense desprotexidas polos feitos que veñen acontecendo. Por iso, desde este xornal dixital transfronteirizo coidamos que, como mínimo - e a poder ser mais cedo que tarde -, alguén debería dar resposta en sede parlamentaria a esta presuntamente anómala situación, xerada de costas ás persoas propietarias de superficies agrícolas.
En calquer caso, varias persoas afectadas poñen en cuestión a transparencia na xestión das solicitudes de axudas da Política Agraria Común (PAC).
Ningún comentario:
Publicar un comentario