O director de Industrias Culturais ratifica o compromiso da Xunta cos festivais audiovisuais na presentación da 20ª Mostra de Cinema Etnográfico
• O certame que organiza en Santiago de Compostela o Museo do Pobo Galego desenvolverase do 12 ao 16 de marzo con 13 filmes a concurso e máis de 40 pezas programadas en distintas seccións
Infogauda / Santiago de Compostela
A 20ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego abre a vindeira semana en Santiago de Compostela o calendario anual de festivais audiovisuais que veñen recibindo o apoio da Xunta a través da liña específica de subvencións para estes eventos profesionais. A programación estenderase do 12 ao 16 de marzo con 13 filmes a concurso, máis de 40 proxeccións fóra do certame e diversas actividades paralelas para todos os públicos entre as que destaca a sesión inaugural protagonizada polo documental O carro e o home, recentemente dixitalizado pola Filmoteca de Galicia. Así se anunciou hoxe no acto de presentación no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé na aposta do Goberno galego por continuar impulsando estes certames cun orzamento que en 2025 ascende a 300.000 euros. “Conscientes do papel esencial que xogan dentro do sistema audiovisual galego e da necesidade de apoio público para a súa celebración, o noso compromiso mantense firme”, salientou. Ademais, Jacobo Sutil destacou o empeño do festival por expandir e darlle visibilidade a un cinema que conecta as persoas coas súas raíces culturais e coas doutros pobos e que á vez serve como ferramenta para axudar a preservar tradicións. Con respecto á vixésima edición da MICE deste ano, expresou que será a celebración de dúas décadas de compromiso co cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual dun festival innovador nas súas orixes e que aínda hoxe é único no seu xénero en Galicia e un dos poucos a nivel estatal.
Filmes galegos e internacionais a concurso
A 20ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico inclúe na sección internacional a concurso 13 títulos de distintas nacionalidades, dos que catro son galegos e os restantes proceden de Italia, Brasil, Portugal, Uruguai, Francia, España, Macedonia do Norte, Bosnia e Herzegovina. Na listaxe internacional de filmes cómpre salientar cinco estreas en España e dúas en Galicia. No que atinxe á representación galega, concursan as películas Resonancias, de Diana Gonçalves; Aurora, de Area Erina; Memoria de Soutelo, de Xoán Bregua; e Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera.
O foco temático desta edición reflexiona sobre o humor na ollada etnográfica, un tema que artella os contidos das seccións Trazas e Impropias que a mostra dedica este ano á obra da guionista e directora de cinema letoa Laila Pakalnina, que presentará seis das súas pezas e conversará co público asistente ás proxeccións.
Preestrea de ‘Salvaxe, salvaxe‘
A mostra acollerá tamén a preestrea antes da súa exhibición en salas comerciais de Salvaxe, salvaxe, o filme gañador da Biznaga de Prata ao Mellor Documental na 27ª edición do Festival de Málaga e producido con subvención da Xunta de Galicia. Na súa primeira longametraxe, o guionista e director Emilio Fonseca adéntrase nos montes de Galicia e do norte de Portugal, onde rastrexa pegadas e ausencias do lobo ibérico, buscando afondar nas imaxes de natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos.
Esta será a primeira das dúas sesións incluídas na sección paralela Lindes, que na segunda parte estará dedicada aos traballos de cineastas emerxentes do #LAB Novos Cinemas, festival convidado este ano, e que repite carácter formativo complementando a liña educativa das seccións MICE Petís e MICEscola, organizadas con centros de ensino.
Recuperación do noso patrimonio fílmico
A 20ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico abrirá este ano cun dos filmes fundacionais da cinematografía galega, O carro e o home, un documental que forma parte do legado que o etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo “Xocas” lle deixou ao Museo do que foi fundador e primeiro presidente do seu Padroado, e que serviu de inspiración para o nacemento da MICE hai agora dúas décadas. A fita orixinal foi realizada en 1940 con guión de Xocas e Antonio Román. En 1980, o etnógrafo xunto co cineasta Eloy Lozano fixo unha nova montaxe cunha sonorización menos folclorizada e con texto e locución do propio Xocas. Esta segunda versión, recentemente dixitalizada coa colaboración da Filmoteca de Galicia, protagonizará a sesión inaugural da mostra, o 12 de marzo no Teatro Principal, e contará coa participación de Pepe Coira, historiador do cinema galego e coñecedor do filme e dos seus artífices. O carro e o home é tamén o leitmotiv da imaxe gráfica e da peza audiovisual desta Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, a cargo da cineasta e artista visual Mirian Opazo, unha das novas creadoras galegas dedicadas a indagar en cuestións como a identidade e a memoria, vencelladas sempre ao rural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario