O Concello de A Guarda e o Grupo de gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda, participarán no Desfile de San Patricio de Madrid
Infogauda / A Guarda
A Guarda contará con representación no gran Desfile de San Patricio de Madrid 2025. O Grupo de Gaitas da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda participará nesta terceira edición do desfile que percorrerá a Gran Vía madrileña.
Un total de 37 membros do grupo, con idades comprendidas entre os 59 e os 86 anos, desprazaranse a Madrid a próxima fin de semana. María Ángela Martínez, unha das pandereteiras, describe este evento “como un orgullo, xa que A Guarda non queda só en pasacalles locais, senón que imos a un evento estupendo”.
O Concello de A Guarda colabora co grupo de gaitas para poder aproveitar esta oportunidade. Ademais, o alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, e os concelleiros, Óscar Alonso Álvarez e Mª Isabel Guisande Vila, acudiron a un dos seus últimos ensaios para transmitirlles o seu apoio e coñecer máis detalles sobre esta importante actuación.
O seu profesor, Eduardo Rodríguez Sobrino (Edu), recoñece o traballo destes músicos: “xa lles levo dicindo hai moito tempo, que é un mérito enorme o que fan, o traballo que fan. A súas idades é moito máis complicado, pero como teñen moitas ganas, gústalles moito, e imos a desfrutar, por iso imos alá”.
Como indicaba Margarita González, outra das pandereterias, “nós vimos a ensaiar, cada un cando pode, pero vimos con ilusión e estamos moi agradecidos de poder ir a Madrid”.
O desfile dará comezo ás 17:00h, do próximo sábado 15 de marzo, na Gran Vía, de Madrid. Será o máis multitudinario dos celebrados anteriormente, e contará coa participación de 30 grupos e asociacións; bandas nacionais e internacionais, conformadas por máis de 1.000 persoas e uns 600 gaiteiros.
Este ano, o prato forte será a mítica St. Joseph’s Pipe Band, de Dublín (Irlanda), que traerá ao evento o auténtico son celta.
O Desfile de San Patricio de Madrid, rende homenaxe ás orixes hispanas desta festividade, cuxo primeiro desfile documentado tivo lugar en San Agustín, cidade do condado de San Xoán de Florida (EE.UU.), en 1601.
Ningún comentario:
Publicar un comentario