A Xunta de Galicia avanza na execución do novo treito da autovía Tui-A Guarda entre o enlace do polígono de Areas e a PO-350, cun investimento de case 18 M€
Xa están rematadas as tarefas de limpeza da área das obras e a mellora do firme dos camiños de servizo en Tomiño e progresan os traballos de explanada no treito máis próximo ao polígono de Areas
Infogauda / O Baixo Miño
A Xunta de Galicia avanza na execución do novo treito da autovía Tui-A Guarda, entre o enlace do polígono de Areas e a PO-350, cun investimento de preto de 18M€. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou esta mañá as obras deste tramo ao paso polos concellos de Tui e Tomiño.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas comezou en xullo estas actuacións e xa están rematados os traballos de limpeza da área das obras, así como o acondicionamento dos camiños de servizo máis próximos á PO-350 en Tomiño, que precisaban dunha mellora do seu firme e que son utilizados polos veciños da zona. Na actualidade están a realizarse os traballos de explanada no treito máis cercano ao polígono de Areas.
O obxectivo é seguir avanzando nesta autovía AG-42, sumando 3,2 quilómetros que dan continuidade ao treito de conexión da A-55 co polígono de Areas posto en servizo o pasado ano. Para isto, avaliouse coa UTE adxudicataria a planificación da obra.
O tramo contará con dúas calzadas separadas por sentidos de circulación cunha mediana de 2 metros. Cada unha das calzadas terá dous carrís de 3,5 metros de ancho, e disporá de amplas beiravías tanto exterior coma interior.
Trátase dun proxecto que prevé duplicar a capacidade do paso inferior de acceso ao polígono de Areas.
Ademais tamén se ampliará unha ponte de pedra na estrada PO-350, moi próxima ao enlace da autovía, que actualmente non permite que se crucen dous vehículos pesados. Con esta intervención, poderase absorber máis facilmente o tráfico.
Cómpre sinalar que este novo treito de autovía completarase cos ramais do enlace de Areas en sentido Tomiño. O proxecto de trazado destes ramais someteuse a información pública o pasado 20 de xuño, xa que é necesario realizar novas expropiacións para a súa materialización.
O Goberno galego segue dando pasos para completar esta infraestrutura viaria estratéxica para a mobilidade na zona do Baixo Miño, facilitando uns desprazamentos seguros e eficientes tanto para vehículos lixeiros como para pesados.
A materialización desta autovía libre de peaxe suporá un investimento global de 188M€ por parte da Xunta, incluíndo os treitos xa en servizo. Cómpre lembrar que o Executivo autonómico construíu desde 2009 un total de 220 quilómetros novos deste tipo de vías, o que representa un incremento do 70%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario