"INSPIRACIÓNS", DE CHARO TRIGO
• Na Galería de Arte Caminhense, do 22 ao 28 de agosto de 2025
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A Galería de Arte Caminhense vai acoller unha exposición de pinturas da artista Charo Trigo.
Despois de 6 anos de estancia en Pontevedra, onde residía e traballaba, Charo Trigo retornou ó seu pobo natal, A Guarda.
Desde a vila guardesa, impulsada polas cores e os ións positivos que irradian o Monte Santa Trega, O Torroso, o río Miño e o océano Atlántico; a pintora Charo Trigo vai amosar en Caminha, unha mostra xenuína da súa arte. Formada por uns 15 óleos sobre lenzo, a exposición leva por título xenérico "Inspiracións".
Acertada denominación. Porque inspirada na beleza da contorna miñota, Charo Trigo, reflicte nos seus cadros unha fermosa síntese de todo aquilo que lle motiva no seu labor de creación plástica. As veces, son lugares de referencia, xeográficamente amplos e coñecidos popularmente, e noutras ocasións, son espazos máis íntimos, os que alentan súas creacións, onde as cores son as protagonistas.
Asemade, unha parte da exposición fai referencia ao Deporte, sendo unha homenaxe a todas as e os deportistas, que tanto sacrificio teñen que facer na súa rutina cotiá, para acadar as metas que se propoñen. E é nese eido, onde as figuras teñen unha presenza protagonista na obra de Charo Trigo. Mesmo podemos decir que son a cerna da súa producción máis senlleira. É, con toda probabilidade, a que seu maxín lle guía deica un horizonte gozoso, onde o seu persoal cromatismo e a dinámica dos seres humanos que representa nos seus cadros, conducen súas creacións a permanencia na memoria artística, ao longo dos tempos.
"Inspiracións" é un convite a asistir a presenciar unha fermosa exposición pictórica que Charo Trigo nos brinda na Vila de Caminha, a Bela Marinheira.
"Inspiracións"
Galería de Arte Caminhense
Praça Conselheiro Silva Torres
Caminha (Portugal)
Do 22 ao 28 de agosto de 2025
Horario
De 10 a 13h e de 15 a 20h (hora portuguesa)
De 11 a 14h de 16 a 21h (hora española)
Ningún comentario:
Publicar un comentario