BALONMÁN
O Guardés 2025/2026 preséntase en sociedade
• O Club Balonmán Atlético Guardés acolleu este xoves a tradicional presentación de tódolos seus equipos para a tempada 2025/2026
• No acto desveláronse detalles coma a nova composición da base do Club, que este ano contará con dous equipos Cadete, ou a nova equipación do primeiro equipo, negra e dourada. Tamén se contou coas intervencións do presidente do Club, a adestradora e a capitá do primeiro equipo ou a nova coordinadora da base
• O Club dedicou un espazo ao recoñecemento de distintas personalidades da súa historia e do deporte guardés no seu conxunto
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés 2025/2026 xa se presentou ante os seus. Onte xoves, 21 de agosto, o auditorio guardés de San Bieito acolleu a tradicional presentación dos equipos do club miñoto previa a unha nova tempada, nun acto onde se desvelaron tódolos detalles para o novo curso tanto do primeiro equipo coma das súas categorías inferiores.
O evento comezou sobre ás 20.30 horas, coa responsable de prensa do equipo, Elena Núñez, como mestra de cerimonias. Tras unha breve introdución ao seu cargo e unha actuación do grupo Songodín’s, que amenizou a velada durante tres ocasións, a entrada en materia foi da man de Lucía Cruces, quen se presentou como nova coordinadora da base do Guardés cunha breve intervención na que demostrou as súas ganas de traballar polo crecemento das xuventudes do equipo. O seu discurso foi o preámbulo da presentación de tódalas xogadoras de cada categoría inferior: prebenxamín, benxamín mixto, alevín mixto, infantil feminino, cadete feminino -que como novidade, este ano conta con dous equipos-, xuvenil feminino e sénior territorial feminino.
A continuación chegou un dos momentos máis esperados da tarde, coa presentación do equipo de División de Honra ante o pobo da Guarda, que puido coñecer por fin oficialmente ás súas sete novas fichaxes, así como ver por primeira vez a renovada equipación do equipo, con tons negros e dourados. Á saída de tódalas súas xogadoras -as habituais María Sancha, Cristina Cifuentes, Cecilia Cacheda, María Palomo, Ania Ramos, Carme Castro, Elena Martínez, Jazmín Mendoza e Blazka Hauptman, e as recentemente incorporadas Anouk Nieuwenweg, Lorena Téllez, Ariana Portillo, Sabina Mínguez, Nerea Gil, Rosane Serrano e Amandine Balzinc- e corpo técnico seguírona as intervencións da adestradora Ana Cristina Teixeira Seabra e da capitá do equipo, cargo no que María Sancha estréase esta tempada. Ambas repasaron os momentos tan ilusionantes que deixou o curso pasado, agradeceron á afección e ao Club todo o apoio recibido e prometeron seguir traballando no deportivo.
Pasado o momento das presentacións, foi a quenda para despedir a algúns membros do Club que o abandonan ao comezo deste novo curso. A este respecto, o presidente Jesús López entregou distintos detalles ao excoordinador da base, adestrador e preparador físico Fabio Lima, e ao que durante tantos anos fora médico do plantel, Julio Portela, retirado hai dúas tempadas. Aínda que non puideron estar presentes, tamén se quixo lembrar a Eliseo Magallanes e Julio Capón, que se retiraron da xunta directiva nas últimas semanas tras moitos anos de traballo polo equipo.
Tamén se cedeu a quenda de palabra ao principal patrocinador do Club, a empresa Mecalia, cuxo persoal entregou, como cada ano, un recoñecemento á que considerou a mellor xogadora 2024/2026. Nesta ocasión, a galardoada foi a central Cecilia Cacheda.
Para ir rematando, o acto contou cunha novidade este ano: unha nova serie de homenaxes, neste caso dedicados a algúns nomes importantes para a historia do Club e para o deporte guardés no seu conxunto. Recibiron un detalle da man do presidente e do xerente do Guardés, José Manuel Silva, os atletas guardeses Álex Sierpes, Christian Sierpes e Elsa Pena; a futbolista guardesa Anaïr Lomba e a súa parella Paloma Monreal; e a ex-xogadora do equipo miñoto e Guerrera recentemente retirada do balonmán profesional, Carmen Campos.
O encargado de pechar a presentación foi o presidente do Club, Jesús López, que interveu cun emotivo discurso lembrando o legado de Juan Rodríguez, falecido xusto un ano atrás, e agradecendo e solicitando o apoio á afección, patrocinadores e autoridades para a nova tempada, na que o Mecalia Atlético Guardés regresará á competición europea cun renovado cadro de persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario