Máis de 800 persoas encherán de cor, ritmo e tradición O Rosal neste entroido
• O desfile sairá ás 11:00 horas dende a rotonda da Feira para percorrer as rúas Xulio Sesto e Ramón Franco
• As comisións de festas de Novás e Fornelos preparan tamén un carnaval cheo de actividades para todos os públicos
O vindeiro domingo 2 de marzo máis de 800 persoas participarán no tradicional desfile que sairá dende a rotonda da Feira para percorrer as rúas Xulio Sesto e Ramón Franco ata o cruce coa Lomba
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Rosal prepárase para un dos eventos máis agardados do ano, o Entroido, unha festa que promete encher as rúas do municipio con cor, música e animación. O vindeiro domingo 2 de marzo máis de 800 persoas participarán no tradicional desfile que sairá dende a rotonda da Feira para percorrer as rúas Xulio Sesto e Ramón Franco ata o cruce coa Lomba.
Un ambiente festivo que mesturará a esencia do entroido máis clásico e a creatividade máis innovadora nas diferentes modalidades que forman parte do concurso de disfraces: oito participantes na modalidade carroza, seis na de comparsas, dous na de entroido tradicional, dous na categoría de grupo e seis na individual, catro en adultos e dous en infantil. O xurado valorará a vestimenta, complementos e a escenificación das comparsas e carrozas para o reparto dos máis de 3.600 euros en premios.
“O Entroido no Rosal é moito máis que un simple desfile, é unha auténtica explosión de imaxinación e tradición que enche de vida as nosas rúas”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A cita comezará ás 11.00 horas cunha presentación diante da Cámara Agraria.
Medidas de tráfico
Para a correcta celebración do Entroido, a Policía Local procederá a pechar ata o remate do desfile as rúas Campo da Feira dende a altura do cemiterio ata a Rotonda da Feira, da rúa Xulio Sesto e da rúa Ramón Franco, un corte que afectará á circulación do resto das rúas confluíntes. Ademais, as rúas Simón do Mazo e Cabaqueiros pasarán a ter dobre sentido de circulación e serán de uso exclusivo para acceso de residentes.
Entroido nos barrios
O Entroido do Rosal non se limita só ao desfile, xa que en Novás e Fornelos tamén se celebrarán actividades para todas as idades.
En Novás a programación de Entroido arranca tamén o día 2 coa centenaria tradición da subida do maio ás 16.30 horas, seguida da música da murga Airiños do Cereixo, inchable, xogos populares e chocolate con rosca para todo o público. O luns 3 ás 16.30 horas será a Gran Corrida do Galo, con toro mecánico na praza ao rematar, e o martes 4 porán fin ás festas coa tradicional Frixidela con pan de millo e viño amenizada pola música de Roberto Caco a partir das 18.00 horas.
Pola súa banda, Fornelos prepara catro días de música e actividades. A festa comezará xa o sábado 1 con porco ao espeto dende as 19 h e a actuación de DJs a partir das 23 h 21.00 horas. O domingo pola tarde, ás 18.00 horas haberá subasta de produtos da terra e, a partir das 21.00 horas, máis música coa verbena amenizada polas formacións Azar e Los Satélites. O luns 3 a xornada comezará ás 16.00 h coa tradicional Corrida do Galo na praza de Fornelos, actuación da Banda de Música do Rosal e da orquestra Capitol, Ángel América e DJs (21.00 h). O martes 4 o Carnaval rematará coa tradicional Frixidela a partir das 16.00 horas e animación do trío Sabrosito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario