"Voces Novas" recibido polo goberno local no Concello de Tomiño
• Na reunión, de carácter informal, os mozos e mozas aproveitaron para comentar a súa recente viaxe a Bilbao, onde participaron no 8º Encontro Estatal de Consellos de Participación Infantil e Adolescente, organizado por UNICEF España
Infogauda / Tomiño
Seis integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas” de Tomiño, reuníronse no Concello de Tomiño coa alcaldesa Sandra González, e o concelleiro de Mocidade, Lecer e Participación Veciñal, Agustín González. Na xuntanza, celebrada no Salón de Plenos, estiveron presentes tamén outros membros do goberno local que non quixeron perderse a oportunidade de conversar cos representantes da mocidade tomiñesa. Estes últimos aproveitaron para relatar a recente participación, en Bilbao, no 8º Encontro Estatal de Consellos de Participación Infantil e Adolescente, organizado por UNICEF España, baixo a lema "A mellor elección é unha boa protección". "Foi un encontro moi bo, no que tivemos a oportunidade de compartir cun gran número de consellos como o noso, as iniciativas que levamos a cabo en Tomiño, e tamén coller ideas do traballo que fan noutros municipios”.
Por outra banda, na actualidade están traballando nun proxecto propio sobre memoria histórica, e teñen pendente levar a cabo unha acción de seguridade vial en colaboración co cole de Goián (Camiños escolares e Camiños seguros). O concelleiro Agustín González, que foi con eles a Bilbao, fíxolles a proposta de que cando abra a biblioteca municipal, escollan libros para recomendar á infancia e á mocidade tomiñesas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario