25 de xan. de 2025

TOMIÑO

O Servizo de Vixilancia, Inspección e Control da Xestión de Residuos (SEVIC) fará as súas primeiras visitas por Tomiño 

•  En Tomiño prodúcense anualmente case 5.600 toneladas de residuos urbanos, das cales tan so o 30% se corresponde coa recollida selectiva  


Concelleiros do goberno municipal de Tomiño na reunión con persoal do Servizo de Vixilancia, Inspección e Control da Xestión de Residuos (SEVIC), da Deputación de Pontevedra, celebrada no Concello de Tomiño onte venres

Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 A partir do vindeiro luns, 27 de xaneiro, o Servizo de Vixilancia, Inspección e Control da Xestión de Residuos (SEVIC), da Deputación de Pontevedra, iniciará as súas primeiras visitas polo concello de Tomiño (que serán de formación e información ao principio) aos produtores singulares, é dicir, o sector comercial e de hostalería, co fin de recadar toda a información que permita avaliar o cumprimento da normativa aplicable, concretamente, sobre a correcta separación dos residuos nas diferentes fraccións e garantir a súa recollida separada. Nestas visitas entregaranse guías e ofrecerase tamén contactos telefónicos para resolver dúbidas.  

 A acción inscríbese no plan bianual (24/25) recentemente aprobado pola Deputación Provincial, ao que se adheriron 16 concellos da  provincia, entre eles, o de Tomiño. O SEVIC foi creado para colaborar cos concellos na supervisión da xestión dos residuos domésticos e comerciais, co fin de cumprir coas disposicións da Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular (LRSCEC), que establece a obriga de recoller separadamente todos os residuos municipais producidos non só nos fogares, senón tamén no sector servizos e nos comercios (biorresiduos, envases, papel e cartón, envases de vidro, aceites de cociña, téxtiles, residuos domésticos perigosos, entullos, voluminosos, etc.).  

Datos de interese 

 No Concello de Tomiño prodúcense anualmente case 5.600 toneladas de residuos urbanos, das cales tan so o 30% se corresponde coa recollida selectiva, mandando ao vertedoiro ou incineración, a través de SOGAMA, preto de 4.000 toneladas que na súa meirande parte poderían ser recicladas.  

 Como sinala a concelleira de Medio Ambiente do Concello de Tomiño, Ana Belén Casaleiro (que foi informada das visitas este mediodía polos supervisores), “a xestión de residuos é cousa de todos, xeramos residuos nos nosos fogares pero tamén nas actividades comerciais, como os bares, comercios ou restaurantes; os residuos forman parte da nosa vida e de nos depende reducir o impacto que estes teñen sobre o medio ambiente”.  

 Con este servizo, segundo explica a concelleira,  “queremos incidir na xeración de residuos que se producen nas actividades comerciais, que a día de hoxe en Tomiño veñen xerando unhas 370 toneladas de biorresiduos, 150 toneladas de papel cartón e 48 toneladas de vidro”. 

 Moitos destes residuos seguen depositándose á fracción resto, supondo un custe moi importante que podería evitarse se se depositaran nos seus respectivos colectores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario