1 de feb. de 2020

A GUARDA

1980 - 2020

CATRO DÉCADAS DE LABOR INFORMATIVO



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A mediados de xaneiro de 1980, o arriba asinante comezou seu labor como correspondente informativo. Dese xeito deixaba a un lado os bártulos necesarios para desenvolver á actividade plástica que levaba anos cultivando, para comezar unha nova andaina totalmente diferente: a de correspondente do xornal FARO DE VIGO.

  Collín o testigo que me fora entregado pola prezada amiga Florentina Andrés Álvarez (Tini), a quen desde estas liñas lle agradezo vivamente que hubese confiado plenamente na miña persoa para desenvolver as tarefas propias dunha corresponsalía do xornal de maior implantación no Sur de Galicia.

 Lembro perfectamente que Tini Andrés levaba un tempo na procura de xestionar o relevo, e que eu declinaba amablemente, pois era algo que daquela non entraba nas miñas previsións persoais, toda vez que ademáis do vencello á empresa onde desenvolvía miña xornada laboral ordinaria, tiña - desde 1978 - asumidas outras responsabilidades que dalgún xeito prolongaban miña actividade cotiá ata ben avanzada á noite.

 Máis F. Andrés - como asinaba habitualmente súas crónicas  no FARO DE VIGO - atopou unha motivación que intuiu ía ser a que decidiría que eu asumise o reto de exercer de correspondente do devandito xornal. De tal xeito, que unha vez ma trasladou verbalmente, tudo o demáis viría a continuación con total normalidade.

 Lémbrome que cando contactei con FARO DE VIGO fixéronme unhas cantas preguntas, as cales respostei con toda naturalidade e a partires dese intre comecei meu labor informativo, tarefas que desenvolvín ao longo de moitos anos, coñecendo aos diferentes directores do xornal. Desde Xosé Francisco Armesto Faginas (Tui 5 de outubro de 1945 - Vigo, 3 de novembro de 2006), e os que lle sucederían - Ceferino de Blas, José Julio González Fernández-Puente (Mieres, 1950 - Gijón, 2018) Pedro Pablo Alonso, Juan Carlos Da Silva e Rogelio Garrido -, e tratando habitualmente con persoas da Redacción (Comarcas, Galicia, Sociedade, Sucesos, Deportes,...), como Jesús Portela, Xosé Anxo Xesteira, Landeira, Mingos, etc., e redactores gráficos como Magar, Cameselle, De Arcos, Ricardo Grobas,...

 E por suposto co persoal dos Departamentos de Publicidade (Manuel González Novo, Joaquín Gutiérrez, Mª José, Olga, Ana Rodríguez,...), Contabilidade (Joaquín Carvajal Baños, Isabel González, Óscar Álvarez,...), Circulación, Esquelas, Peche,... 

 A miña actividade informativa e comercial levoume a visitar en varias ocasións ás instalacións que o xornal ten en Cidadelle - Chapela, onde tiven oportunidade de conversar co inesquecible rexente de talleres, Ricardo García, que sen menoscabo de ninguén, era todo un exemplo de persoa educada e servicial.

 Tamén tratei en innumerables ocasións con Lourdes Vázquez, secretaria de Dirección; e tiven oportunidade de coñecer e tratar a veteranos xornalistas como Amalia Gallego, Javier Sánchez de Dios, Fernando Franco, ...

 Foron uns anos moi intensos e de moito traballo, nos que contei coa colaboración de toda a familia de FARO DE VIGO e tamén co apoio de moitas persoas, tanto a nivel institucional como no ámeto empresarial, logrando cumplir os retos que ían xurdindo e outros que eu mesmo promovía motu propio.

 Máis a miña actividade xornalística e comercial, non sería á mesma de non haber tido sempre o apoio incondicional de miña dona, que sempre soubo estar a meu carón, sen límites horarios, e moitas veces suplíndome no traballo de campo, cando eu por motivos laborais non podía asistir a eventos que coincidían co meu traballo na empresa onde prestaba meus servizos, e tamén colaborando en tarefas relacionadas coa producción e xestión de cobro de publicidade.

 Dese xeito, á miña actividade informativa non se cinguiu soio a FARO DE VIGO, que foi sen ningunha dúbida, onde máis colaborei, senón tamén, e de xeito simultáneo, coa Hoja del Lunes, que editada a Asociación da Prensa de Vigo; co FARO DE LUNES; co semanario A Nosa Terra, sendo director o xornalista Alfonso Eyré; co xornal A Peneira, fundado e dirixido por Guillermo Rodríguez Fernández; coa emisora Radio Noroeste, da cal, durante toda súa existencia, fun correspondente na comarca, e onde ademáis de colaborar a cotío - con Xerardo Rodríguez, Jesús Lorenzo Loureiro, Alfredo Estévez, Gabino Porto,...-, desenvolvín un intenso labor comercial - promovendo campañas de publicidade, creando, pautando e xestionando súa cobranza -, sendo Francisco Giráldez, responsable do Departamento de Publicidade da emisora. 

 Asemade, ainda que en menor medida, tamén fun colaborador comercial de Radio Vigo, da Cadena SER, e de Radio Voz.

 Colaborei tamén co semanario A Voz do Miño - editado e impreso na nosa vila -, cuxa redacción estaba na rúa Brasilino Álvarez, nº 6 - entrechán (A Guarda), e con Radio Jornal Caminhense, naquela altura dirixido polo seu fundador António José Guerreiro Cepa e no Xornal Diario, de Pontevedra, dirixido por Javier Sánchez de Dios, onde - ademáis de diversas crónicas diarias, asinadas con pseudónimo - se publicou a doble páxina, un traballo da miña autoría, de promoción turística de A Guarda, maquetado por Gabino Porto Pérez e ilustrado por desexo meu, coa autorización de Alicia Alonso Fernández, con dibuxos da artista guardesa; co que logrei o Iº Premio de Xornalismo Vila de A Guarda, certame convocado en 1992, polo Concello de A Guarda.

 Son autor da guía turística "A Guarda: As claves para coñecela sen presas", editada en 1992 - e reeditada posteriormente -, polo Concello de A Guarda, e publicada en sete idiomas comunitarios. Con posterioridade non teño constancia de que fixera nada semellante no noso pobo.

 Tamén veño colaborando con artigos da miña autoría en diferentes publicacións colectivas sobre temática diversa (Arqueoloxía, Arte, Deportes, Festas, Gastronomía, Pesca, Tradicións, Turismo,...), así como sobre artistas de A Guarda e súa comarca. 

 Asemade, colaborei puntualmente con Diario de Granada, entre outros medios, incluso audiovisuais, con Xosé Manuel Orriols; e sendo Diego Bernal López, delegado xeral da Axencia EFE en Galicia e Asturias, desenvolvín durante anos, o labor de correspondente na contorna de A Guarda.

  En maio de 2001, con motivo da Día das Letras Galegas, recibín, xunto con Antón Ferreira Lorenzo, a homenaxe organizada pola Agrupación Cultural Guardesa. 

 Desde setembro de 2007, edito - empregando maioritariamente as linguas galega e portuguesa - e dirixo, Infogauda, xornal dixital transfronteirizo que a día de hoxe contabiliza máis de 1.240.000 páxinas vistas, e cuxa audiencia reside principalmente, e por esta orde, nos seguintes países: España, Estados Unidos, Francia, Alemania, Portugal, Irlanda, Rusia, China, Singapur,...

  Ao longo destes 40 anos de labor informativo tiven oportunidade de coñecer a moitas persoas. A maioría delas deixáronme unha inesquecible lembranza: Alfredo García Alén, Eliseo Alonso Rodríguez, Mercedes Núñez Targa, Laureano Trigo Álvarez, Francisco Comesaña Rendo, Margarita Mosquera Trapote, Ermelindo Portela Gómez, Antonino Torrón Fernández, Ángel Vilar Fernández, Francisco Sobrino Rodríguez, María Cuende Plaza, Darío Izquierdo Rubio, María Jesús Baz Vicente, Luis Noia Domínguez, Laureano Gómez Nurias, Antonio de la Peña Santos, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xesús Alonso Montero, Teresa Galdó Rodríguez, Carlos Etayo Elizondo, Emiliano Aguirre, Juan Luis Arsuaga, José María Bermúdez de Castro, Germano de Sousa Ramalhosa, Manuel José Ferreira Lopes (Manuel Lopes), Francisco Lomba Trigo, Emilio Rolán Mosquera, José Mª Álvarez Pacheco, Grato Amor Moreno, Anisia Miranda Fernández, Juan Álvarez Sobrino, Manuel Domínguez Pacheco, Xavier Pousa Carrera, Xosé Neira Vilas, Concha Verde García, Manuel Bragado Rodríguez, Mario Rodríguez Gómez, Óscar Noya González, Belkisyolé Alarcón, Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, Álvaro Villa André, Rosa Ayuso Díaz, Joaquín Lemos Zunzunegui,...

 Porén, tamén tiven oportunidade de saber con quen podía contar e con quen non. Como é obvio, neste caso, non vou sinalar a ninguén. 

  Isto é, en síntese, á crónica de catro décadas de labor informativo que este cronista ten desenvolto desde xaneiro de 1980 ata hoxendía. 

 Síntome moi agradecido por todo canto me reportou a actividade como cronista, especialmente pola consideración que foime dispensada por parte da dirección dos medios, sobor de todo de FARO DE VIGO e Radio Noroeste, e da súas respectivas audiencias.

 Non quero rematar sen agradecer públicamente, unha vez máis, a Florentina Andrés Álvarez, e a todas ás persoas que ao longo destas catro décadas non dubidaron en colaborar con este cronista, cando llo solicitei, e sempre, tanto do mundo empresarial, como da actividade política, sen que me pediran nada a cambio. 

 Moitísimas grazas a todas/os.

1 comentario: