25 de xan. de 2025

TUI

Tui inicia os pasos para ser Destino Turístico Intelixente 

• No marco de FITUR abordouse tamén a posibilidade de incorporarse á rede de Caminos Naturales 


O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, reuníronse co presidente de SEGITUR, Enrique Martínez Marín e co xerente de I+D+i, Luis Javier Gadea
Foto. C.T.

Infogauda / Tui   

 O Concello de Tui inicia os pasos para ser Destino Turístico Inteligente,DTI. En FITUR o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, reuníronse co presidente de SEGITUR, Enrique Martínez Marín e co xerente de I+D+i, Luis Javier Gadea, para iniciar o proceso para lograr este distintivo.  

 Mellorar a competitividade, impulsar un desenvolvemento sostible, mellorar a experiencia do turista e a calidade de vida dos tudenses é o obxectivo que busca o concello de Tui con este distintivo. Dende a empresa pública SEGITUR realizarán un diagnóstico de situación, avalizando até un centenar de indicativos, entre elas a sostenibilidade do destino, para propor logo un plan de acción. De xeito paralelo o Concello de Tui solicitará adherirse á Rede DTI, impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo. Constitúe  unha ferramenta ao servizo da implantación do modelo de Destinos Turísticos Intelixentes para fomentar o intercambio de experiencias e coñecementos que contribúan ao desenvolvemento intelixente dos destinos turísticos. O alcalde, Enrique Cabaleiro, transmitiu aos responsables de SEGITUR,  a situación estratéxica de Tui coma territorio transfronteirizo e entrada a Galicia do Camiño Portugués a Santiago, ao tempo que expuxo que o municipio conta coa Axenda Urbana, e é beneficiario dun Plan de Sostibilidade Turística en Destino. Destacou amais Enrique Cabaleiro coma poder ser Destino Turístico Intelixente é tamén importante de cara á celebración do oitavo centenario da consagración da catedral.  

 Outro dos encontros mantidos polos responsables municipais do Concello de Tui foi con Cristina Clemente Martínez, subdirectora xeral de Regadíos, Caminos Naturales e Infraestruturas Rurais.  Enrique Cabaleiro e Ana Núñez expuxeronlle o interese en que a senda do Miño puidese formar da Rede de Camiños Naturais, plantexando unha senda transfronteiriza.  

 No marco de FITUR mantivéronse tamén outros contactos vinculados á celebración do 800 aniversario da consagración da catedral coma con Ana Trevisani, de Trevisani, axencia de organización integral de eventos.  

 A actividade en FITUR pechouse este mediodía coa promoción da Eurocidade Tui-Valença dentro do posto de Turismo Porto e Norte. O presidente da Cámara de Valença, José Vaz Carpinteira, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, deron a coñecer todos os atractivos e potencialidades turísticas deste territorio transfronteirizo.  

 Tal e coma se destacou en FITUR a Eurocidade Tui-Valença é un exemplo único de integración cultural, histórica e económica entre Galicia e o norte de Portugal. Un destino que combina o mellor de ambos territorios, ofrecendo unha experiencia turística enriquecedora.  

 A oferta inclúe turismo transfronteirizo, eventos culturais, deporte na natureza, e atractivos como o Parque Natural Monte Aloia, a fortaleza de Valença e os centros históricos medievais. Tamén sobresae a súa gastronomía tradicional e os mercados locais.  

 A Eurocidade promoveu en FITUR o turismo sostible, a colaboración internacional e o desenvolvemento económico transfronteirizo, converténdose nun referente para visitantes nacionais e internacionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario