24 de xan. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Liga Guerreras Iberdrola

O Mecalia Atlético Guardés comeza a segunda volta da Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025  en Xixón 

• Visitando este sábado ás 19.00 horas, ao Motivemarket.com Gijón 

• As de Ana Cristina Teixeira Seabra buscarán sumar o a súa décimo terceira vitoria da tempada e defender unha semana máis o primeiro posto, esta vez na casa do penúltimo clasificado 

• O Mecalia Atlético Guardés terá de novo a todo o seu plantel dispoñible, a excepción da lesión de larga duración de Elena Martínez 

 

Plantel do Mecalia Atlético Guardés 2024/2025
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés comezará esta fin de semana a segunda volta da Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025, visitando ao Motivemarket.com Gijón. Este sábado 25 de xaneiro ás 19:00 horas no Pavillón de La Arena, as de Ana Cristina Teixeira Seabra tratarán de obter a súa décimo terceira vitoria da tempada, e a sétima consecutiva, na casa do penúltimo clasificado. Tras coroarse como campión de inverno a pasada semana, o obxectivo para o equipo da Sangriña é ampliar o seu liderado todo o posible. E para iso, esta semana contará de novo - por segunda xornada consecutiva - con todo o seu plantel, a excepción da lesión de larga duración de Elena Martínez que continúa inmersa na recuperación da súa rotura de ligamento cruzado.

 E é que o Mecalia Atlético Guardés chega ao encontro precisamente nun dos seus mellores momentos. A Sangriña viviu o pasado sábado unha sufrida vitoria contra Replasa Beti-Onak, que estivo a punto de escapárselle das mans ás locais nos minutos finais dun partido moi igualado (22-21). Dos 12 triunfos que o Mecalia Atlético Guardés acumula esta tempada, o do sábado pasado foi quizais un dos máis complicados, e tivo un sabor de boca máis doce do normal ao supoñer a coroación do equipo como campión de inverno. A primeira volta confirmou que a tempada 2024/2025 está a ser unha das mellores da historia do conxunto de A Guarda, que vén decidido a seguir sumando e completar a faena na súa segunda parte. Polo demais, esta semana Ana Cristina Teixeira Seabra non tivo que lamentar ningunha ausencia adicional entre as súas filas, e tampouco viaxará ningunha xogadora xuvenil ata Xixón para reforzar a convocatoria. 

 En canto á posibilidade de cubrir esa única baixa de larga duración cunha nova fichaxe, trátase dun escenario cada vez máis remoto para o club, non só polas dificultades que está a atopar para iso a distintos niveis, senón tamén para evitar alterar o mínimo posible a harmonía e o bo funcionamento que se respiran agora mesmo nos seus vestiarios. 

 Pola súa parte, o Motivemarket.com Gijón chega a este comezo da segunda volta na penúltima posición da táboa, despois de colleitar a pasada semana a súa primeira e única vitoria da tempada ante Elda Prestigio. O equipo asturiano acumula así un triunfo, un empate e 11 derrotas, superando soamente ao pechacancelas, Balonmano Zuazo Femenino, grazas a esas táboas que conseguiu na casa do Atticgo BM Elche na décima xornada. 

 Despois de terminar a pasada tempada tendo que loitar pola permanencia no desempate, o equipo dirixido por Alfredo Rodríguez tampouco viviu un bo comezo de tempada este ano. Porén, tras quedar ás portas dos dous puntos con aquel empate e outras derrotas pola mínima en varias ocasións, a chegada deste primeiro triunfo a pasada semana subiu moito os ánimos entre as filas xixonesas, que non cabe dúbida de que o darán todo para conseguir a fazaña fronte ao líder. 

 A última vez que ambos equipos se enfrontaron foi no partido inaugural desta Liga Guerreras Iberdrola, aquela primeira xornada de finais de agosto que se pechou cunha folgada vitoria para o Mecalia Atlético Guardés na Sangriña (24-15). 

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Non miramos as posicións na táboa, queremos estar centradas nos obxectivos de cada partido” 

 A adestradora do Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, valorou ao Gijón coma un rival “que sempre pon en dificultades a tódolos equipos na súa casa”, destacando o feito de que colleitara a súa primeira vitoria a pasada semana. “Unha vez máis, temos que intentar facer o noso traballo o mellor posible, sabendo o estilo de xogo e as dinámicas que podemos atoparnos”, indicou a técnica, insistindo na importancia do bo traballo das súas semana tras semana. 

 Seabra inculcou no seu plantel a importancia de ir partido a partido: “Sempre viaxaremos coa ambición de traermos dous puntos á casa”. Para elas, o deste sábado será un máis, sen ter demasiado en conta o feito de enfrontarse ao penúltimo clasificado dende o liderado: “Non miramos as posición na táboa, queremos estar centradas nos obxectivos de cada partido”, sentenciou a adestradora. 

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola 

Xornada 14

Motivemarket.com Gijón – Mecalia Atlético Guardés 

Sábado, 25 de xaneiro, ás 19:00 horas 

Pavillon de La Arena 

 O encontro será retransmitido pola canle de YouTube do Motivemarket.com Gijón. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario