A última ANDAINA de Tato
Xosé Carlos González Blanco*
Coñecín a Xosé M. Tato no ano 1987. En Abril daquel ano a súa filla Sonia pasou a formar parte do San Xerome. O compromiso e a implicación de Tato e a súa familia co Centro foi tal, que ao pouco tempo xa formaba parte da Xunta Directiva dun xeito activo. No ano 1992 é nomeado Presidente da ANPA, e no ano 1993 constitúese o Club deportivo San Xerome sendo nomeado primeiro Presidente da entidade.
Tato en cada entidade coa que colaboraba (e foron moitas), a convertía nun novo lugar de traballo no que él era o primeiro currando no que fixera falta, e o seu carisma facía que o resto do grupo seguira os seu pasos. Todos os seus amigos vímonos contaxiados nalgún momento polo seu liderado, no meu caso máis dunha vez. Tato convertía as cousas imposibles en realizables, a forza de entusiasmo, optimismo e capacidade de traballo. Lembro agora con moito agarimo o maratoniano Festival 8 horas de humor e música, celebrado o 19 de Marzo de 1992 no Pavillón Municipal da Sangriña da Guarda, promovido por él.
Houbo moitas outras propostas súas no San Xerome que saíron adiante con éxito: actividades festivas ou deportivas, nas que tiña moitos contactos e amigos aos que implicaba sempre co noso Proxecto. Tato circulaba pola vida nunha Andaina permanente, na procura dun mundo mellor. Comprometido coa ecoloxía, coa discapacidade, co deporte, co seu querido Tui. Organizador nato, facíanos disfrutar a todos nas actividades que programaba, mentres él traballaba (implicando case sempre a súa fermosa familia).
Con incredulidade e cunha enorme tristura recibimos a noticia do pasamento de Tato, incredulidade porque os que o coñecíamos pensabamos que sería eterno pola súa forza e vitalidade, e tristura porque desde o ano 1987 os dous tiñamos unha conexión moi especial e aínda que por camiños diferentes coincidíamos no obxectivo final. Hoxe síntome máis só nese camiño.
Un bico enorme a Carola, Sonia, María, Juan, Jesús...
* Psícólogo e ex director do Centro San Xerome Emiliani, de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario