19 de xan. de 2025

NIGRÁN

As costas galegas rexistraron o ano pasado 689 varamentos de animais mariños, a maioría cetáceos 

 Ángeles Vázquez anuncia que a Xunta acaba de renovar a súa colaboración coa Cemma, entidade coa que traballa desde fai 25 anos para garantir a asistencia e a recuperación dos animais que recalan ao litoral galego e o coidado do medio mariño 

 A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou as instalacións que ten en Nigrán a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma)  


A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez  durante a súa visita ás instalacións que ten en Nigrán a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) 

Foto: X.G.

Infogauda / Nigrán

 As costas galegas rexistraron o ano pasado 689 animais varados ou en risco de varar, sendo na súa grande maioría cetáceos, con case o 90% do total, e o resto, tartarugas, quenllas, lontras e focas.  

 A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, fixo este balance durante a súa visita ás instalacións que ten en Nigrán a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) para anunciar a renovación de cara a 2025 do convenio de colaboración entre o seu departamento e dita entidade para a recuperación de animais varados na costa galega e o estudo e coidado do medio mariño.  

 Tras salientar que a Xunta e Cemma manteñen unha relación de colaboración desde fai 25 anos, a responsable autonómica explicou que o obxectivo principal deste traballo conxunto é garantir a asistencia e a recuperación, cando sexa posible, dos mamíferos mariños e tartarugas que recalan nas costas da Comunidade tras sufrir algún tipo de dificultade, polo que salientou a “transcendencia” do papel que xoga a Cemma tamén para avanzar no estudo e coidado do medio mariño.  

 Neste sentido, Ángeles Vázquez incidiu na ampla traxectoria e experiencia que avalan en Galicia a esta organización sen ánimo de lucro, que vén participando activamente na asistencia aos animais varados nas costas da Comunidade e na súa recuperación ao abeiro dos sucesivos convenios asinados coa Xunta.  

 De feito, trátase da única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para xestionar e coordinar a Rede de varamentos de Galicia, xa que os animais tratados soen ser especies protexidas, o que require das pertinentes autorizacións.  

 Só durante o ano 2024 rexistráronse un total de 689 mamíferos mariños e réptiles varados ou en risco de varar, dos cales 52 (un 8,9%) chegaron vivos á costa. En canto á distribución por especies, 614 eran cetáceos (destacando entre eles os 455 golfiños comúns), 6 focas (pinnípedos) e 32 tartarugas.   

 En todo caso, máis alá destas especies (que son as especificamente incluídas no acordo de colaboración entre a Consellería e a Cemma), o persoal da entidade, polo propio funcionamento da asistencia que presta sobre o terreo, rexistrou tamén os varamentos de 23 quenllas e de 14 lontras. Así mesmo e á marxe do convenio, durante os traballos realizados ao longo de 2024 tamén se recolleron datos de 17 exemplares de peixes de gran tamaño (atúns, peixes espada etc) que non se contabilizan no total.  

Máis de 9.000 exemplares varados desde 1990 

 Galicia ten aproximadamente 1.500 km de costa. En todo este litoral rexistráronse no período comprendido entre 1990 e 2024 (serie histórica) algo máis de 9.000 exemplares varados pertencentes a 24 especies distintas de cetáceos, a 6 de focas (pinnípedos) e a 5 de tartarugas mariñas.  

 O balance de varamentos dos dous últimos anos, en todo caso, sitúase moi por riba da media e constata unha tendencia en aumento nas costas galegas, sobre todo no caso de cetáceos e tartarugas. Así, os animais varados en 2023 foron 695 e o pasado ano, 689, que son, con diferencia, as cifras máis altas desde 1990.  

  A posible explicación desta variación no caso dos rexistros de tartarugas mariñas podería estar relacionada cos cambios de temperatura oceánica, ao igual que ocorre no norte cantábrico. Pola súa banda, o aumento dos varamentos de cetáceos tería que ver cun incremento da densidade deste tipo de mamíferos mariños nas zonas de pesca e co aumento das capturas accidentais derivadas desta situación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario