19 de xan. de 2025

TUI

O BNG DE TUI OPONSE AO DERRUBO DA CASA NA FINCA PATAZUMBA E PROPÓN ALTERNATIVA DE SAÍDA DA RÚA OURENSE POLO NORTE 




BNG de Tui

 Perante os inicios das obras de retirada duns metros do hórreo da finca Patazumba e o derrubo da casa, para abrir a rúa Ourense até a Avda. da Concordia, o BNG de Tui manifesta a súa oposición ao proxecto por constituír un atentado mais contra o patrimonio tudense. 

 Cando falamos da calidade de vida nas cidades, temos a obriga de evitar degradacións que se producen tanto ambientais como paisaxistas e ter claro os elementos a protexer, tentando que a pegada sexa a de menor impacto posíbel. 

 A cidade de Tui ten moi pouca zona verde e nese aspecto non cumpre os estándares mínimos de 15 m2 por cada 100 m2 edificábeis. Está fora de toda lóxica desenvolver áreas residenciais como as proxectadas sen cumprir os estándares mínimos de zonas verdes. 




 No caso da finca Patazumba, composta pola casa principal, a calustra e o valado, non se entende que se derrube uns fantásticos bens patrimoniais como estes para encher o espazo de construcións de cemento e construír unha rotonda. Seguindo os criterios europeos tanto de rehabilitación, rexeneración con  sostenibilidade territorial, -como pode ser o proxecto Axenda Urbana-, derrubar todo este espazo, ou o que queda del, para dar cabida a monstros de cemento, é todo un despropósito. 

 O deseño urbanístico de Tui foi xestado no século pasado e polo tanto non respecta os parámetros nin as concepcións de espazos urbanos propios do século actual. Na nosa opinión a finca Patazumba, tiña que ser de utilidade pública, pasando o seu futuro pola restauración coidadosa que poña en valor cada elemento deste lugar. A memoria dun pobo, dunha cidade, tamén pasa por respectar estes lugares emblemáticos. 

 Desde o BNG de Tui propuxéramos converter esta zona nun espazo verde onde teñan cabida distintas actividades como concertos ao aire libre, zona de encontros, paseos, convivencia da xente. Un lugar, por exemplo, para un museo popular de artes e oficios que non existe en Tui. Mais por mágoa todo isto estano a destruír nestes días... 

 Como alternativa á desfeita e o derrubo, a saída da rúa Ourense, pode pivotar pola rúa Mártires de Sobredo. Hai espazo suficiente para unha rotonda e temos alternativas para entrar e saír, facendo incluso vías únicas polas dúas rúas paralelas. 

 Ou tamén se pode estudar que o trazado final da rúa Ourense “vire” suficientemente á dereita ou esquerda para rodear o espazo a protexer. 

 Se se consegue finalmente levar a cabo o proxecto de recubrimento da vía do tren, teremos unha comunicación directa co centro, coa Avda. de Baiona, coa Praza de Abastos e cos aparcamentos que se poidan producir con esta obra. 

 Derrubar é moi fácil; preservar, adaptar e darlle utilidade aos sitios é mais beneficioso para as futuras xeracións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario