29 de abr. de 2024

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

OS SEGADORES EN CAMPOSANCOS 


Vista da asistencia á proxección do documental “Segadores da Órrea en Terras de Castela. Unha historia de heroes”, na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos

Informa (Fotografía e redacción): Asociación de Veciños/as de santa Comba da Órrea 

 O documental sobre os nosos segadores chegou este sábado, día 27 de abril, a Camposancos - A Guarda. Fomos alí invitados pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, unha entidade que - a diferenza do que sucede na nosa comarca, onde xa non existen os montes comunais - xestiona unha grande extensión de monte, logrando tamén que os beneficios revertan na parroquia. Camposancos é, ademais, unha das 8 entidades locais menores de Galicia, parroquias que elixen nas eleccións municipais os seus propios dirixentes, algo que se ten pedido - reiteradamente e desde amplos sectores - que se faga en todas as parroquias galegas. 

 O caso é que fomos moi ben recibidos por estas persoas amigas, a través da mediación do profesor da Universidade da Coruña e veciño do lugar, Xosé Manuel Malheiro, asistindo á presentación, á proxección e ao debate posterior medio cento de persoas que participaron activamente cos seus comentarios e valoracións nun acto ben interesante e enriquecedor para todos nosoutros/as. Estaban presentes tamén algunhas persoas próximas da nosa comarca que traballan pola zona. 

 En Camposancos e no Baixo Miño en xeral existiu tamén a emigración temporeira a Castela, e mesmo nos contaron que os segadores viaxaban andando a través de territorio portugués, pero sobre todo existiu outro tipo de emigración parecida protagonizada polos telleiros ou cabaqueiros, que pasaban meses fóra das súas casas. No transcurso do debate púxose de relevo o paralelismo entre estes dous fenómenos. 

O ROSAL

Segunda Sesión do Espectáculo PANGEA

 Con Abraham Cupeiro e a Agrupación Musical do Rosal     




 Agrupación Musical do Rosal / O Rosal

 O vindeiro sábado 11 de maio o Auditorio Municipal do Rosal encherase da maxia e sons do mundo co espectáculo PANGEA, a cargo do talentoso multiinstrumentista Abraham Cupeiro e a banda da Agrupación Musical do Rosal.     

 Con moita ilusión, anunciamos que a primeira sesión do concerto xa está chea, grazas á estupenda acollida do público. Ante esta demanda, temos o pracer de ofrecer a posibilidade dun segundo pase para aqueles que non queiran perderse esta experiencia.     

 A nova sesión está prevista para as 22:00 horas do mesmo día, sempre que se alcance un número mínimo de asistentes. Para os interesados en formar parte desta segunda actuación, convidámosvos a apuntarvos na nosa lista de espera. Podes contactar connosco a través do número 609 866 792, preferiblemente por WhatsApp.     

 PANGEA é un espectáculo que te transportará polos cinco continentes, explorando a diversidade de culturas a través da música. Desde as "Caracolas" de Oceanía, o "Hulusi" da China, a "Gaita Búlgara", etc. Cada nota resoará como unha viaxe a lugares remotos e emocionantes.    

 Recomendamos este espectáculo que cautivou ao público dos mellores teatros e auditorios de todo o mundo. Non perdas a oportunidade de formar parte desta experiencia única no Rosal.     

 Reserva o teu lugar e únete a nós para unha viaxe musical inesquecible con PANGEA

OIA

O “Día da Xuventude”, virá coas súas propostas de ocio saudable 

 Este mércores, 1 de maio, de 16.00 a 21.00 horas, no patio exterior do CEIP Manuel Mestre García

 


Infogauda / Oia

 Oia acollerá este mércores 1 de maio a programación das actividades formativas e de ocio saudable do “Día da Xuventude” que vén de poñer en marcha a  Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta. A cita será de 16.00 a 21.00 horas, no patio exterior do CEIP Manuel Mestre García.  

 Este programa, que desenvolve neste ano a súa segunda edición, busca a participación activa da mocidade de cada concello a través dunha ampla variedade de actividades, tales como obradoiros de gastronomía saudable, formación sobre habilidades para a empregabilidade, sensibilización medioambiental, igualdade de xénero e arte urbana. Tamén inclúe propostas de lecer educativo como fútbol burbulla, futbolín humano, tiro con arco, lego e escape box. Para finalizar a xornada, ofrece unha actuación musical de artistas locais.  

 O ‘Día da Xuventude’ ponse en marcha este ano nunha trintena de concellos galegos, entre os cales se atopa Oia. Este programa persegue diversos obxectivos, como facilitar á mocidade a posibilidade de participar nun programa de actividades lúdico-formativas que contribúa ao seu enriquecemento persoal mediante aprendizaxes non formais. Tamén quere fomentar a participación, o ocio e o lecer saudable, a transmisión de valores a través de actividades que requiran do traballo en equipo, colaboración mutua e que fomenten o respecto, a igualdade, a inclusión e o espírito deportivo. Así mesmo, achega información dos programas que desenvolve a Xunta de Galicia destinados á mocidade e amplía as ferramentas de conciliación e espazos de coidado a disposición das familias galegas.  

 A iniciativa “Día da Xuventude”, que conta co financiamento do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables, está destinada tanto á mocidade galega como ás propias familias, dado que tamén favorece a conciliación da vida familiar e laboral. 

GOIÁN (TOMIÑO)

A AGRUPACIÓN CHIRLOMIRLO PORÁ EN ESCEA A OBRA DE TEATRO "DON JUAN"

 Será o próximo 31 de maio, ás 21:00 horas, no Auditorio de Goián



Infogauda / Goián

 Da man da Agrupación Chirlomirlo de Randufe (Tui), imos poder gozar coa representación da obra de teatro "Don Juan", Será o próximo 31 de maio, ás 21:00 horas, no Auditorio de Goián. 

 O prezo das entradas é de 3 euros por persoa.

 A actividade está organizada en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva Xuntanza, de Randufe que destinará todo o recadado ao proxecto FoGaRes SaNXe.

TOMIÑO

O CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA APROBA O NOMEAMENTO DE LARA MENESES ÁLVAREZ COMO DIRECTORA XERAL DE XUVENTUDE 


 Lara Meneses Álvarez
Foto: FB

Infogauda / Tomiño

 O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o nomeamento de Lara Meneses Álvarez como directora xeral de Xuventude na Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Graduada en Estudos Franceses e máster en tradución, substitúe no cargo a Cristina Toimil Pichel, responsable desta área desde decembro 2018. 

 Nada en Tomiño (Pontevedra), ten 26 anos e leva traballado ata o de agora no sector privado. 

COOPERACIÓN

A Xunta aborda coa AECT Rio Minho para abordar os proxectos en marcha en materia de cooperación transfronteiriza 

 O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse cos responsables desta entidade de cooperación, no marco da rolda de contactos coas distintas AECTs da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal 


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho
Foto: X.G.

Infogauda / Valença do Minho

 O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho.     

 Xunto co director xeral, asistiron o director da AECT Rio Miño e alcalde da Guarda, Roberto Álvarez; o vicedirector e alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira; o presidente da CIM Alto Minho e alcalde de Melgaço, Manoel Batista, e os alcaldes de Salvaterra, Marta Valcárcel, de As Neves, José Manuel Alfonso e de Tui, Enrique Cabaleiro. Ademais de tratarse temas de actualidade relacionados co funcionamento da institución, examináronse aspectos vinculados coa cooperación transfronteiriza co obxectivo de mellorar as condicións e a calidade de vida da cidadanía das zonas limítrofes, potenciando as relacións entre territorios.     

 Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste  tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca, que xunto coa AECT Galicia-Norte de Portugal, comprenden todas as AECTs da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.     

 Mentres que a GNP-AECT comprende toda a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, as outras AECTs son de carácter mais local. A AECT Chave-Verín abrangue estes dous concellos, e a nova AECT toma como base a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés e incluirá toda a raia seca entre a AECT Río Miño e a AECT de Chaves-Verín.     

 As Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) buscan impulsar a cooperación territorial, en especial aquela de carácter transfronteirizo, entre institucións de dous ou mais países, dotándoas de personalidade xurídica. O seu obxectivo fundamental é facilitar e promover a cooperación territorial entre os seus membros a través de, entre outras, as accións que lle sexan confiadas para a execución de programas ou de proxectos cofinanciados principalmente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Fondo Social Europeo, ou o Fondo de Cohesión.

TURISMO

A XUNTA DE GALICIA AVANZA NO PLAN TERRITORIAL DE SUSTENTABILIDADE TURÍSTICA EN NÚCLEOS HISTÓRICOS E VILAS TERMAIS CUN INVESTIMENTO DE 2 M€ PARA TUI 

 O Consello dá luz verde ao convenio con este concello pontevedrés para que leve a cabo a súa estratexia turística sustentable de impulso do seu núcleo histórico 

 Inclúe, entre outras actuacións, recuperación de murallas en diferentes puntos de interese, iluminación eficiente ou dixitalización de recursos patrimoniais 


Vista parcial da muralla de Tui, no Camiño entre Fornos
Foto: C.T.


Infogauda / Tui

 O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe a subscrición dun convenio de colaboración co Concello de Tui para a posta en marcha do Plan de sustentabilidade turística neste concello cun investimento de 2M€ que se desenvolverá desde este ano ata 2026. É a cuarta estratexia de sustentabilidade en destino autorizada en Consello da Xunta dentro do Plan territorial núcleos históricos e vilas termais, deseñado polo Goberno autonómico con fondos europeos NextGeneration que botou a andar este ano. 

 O novo plan para Tui inclúe, entre outras accións, a recuperación de murallas en diferentes puntos de interese, mellora de diferentes prazas do núcleo histórico, rehabilitación da contorna fluvial vinculada ás murallas ou unha iluminación eficiente, entre outras. Tamén se prevé o soterramento do cableado aéreo, a rehabilitación enerxética de edificacións ou locais, dixitalización de recursos patrimoniais, a creación dunha plataforma dixital de comercio local ou a mellora da web de turismo. 

Oito estratexias 

 Ademais deste convenio con Tui e dos autorizados con Vigo para a vila de Bouzas, con Allariz e a Deputación de Ourense, tamén se inclúen os que se irán autorizando próximamente, como o centro histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra; o plan Mar de Santiago e os do centro histórico de Betanzos e Ribeira Sacra. 

 O Plan territorial inclúe, ademais, a posta en marcha de medidas destinadas ao sector e o concellos, a través de liñas de axudas que se irán deseñando ao longo deste ano. O

  Plan territorial de sustentabilidade turística vilas termais e núcleos históricos deseñado por Turismo de Galicia con fondos europeos NextGeneration, onde se insire este convenio, ten unha vixencia ata 2026. Ademais do convenio co Concello de Tui e o autorizado hai unhas semanas coa Deputación de Ourense, o Concello de Allariz e o de Vigo para a vila de Bouzas, tamén se inclúen os que se irán autorizando proximamente. O Plan de vilas termais e núcleos históricos é o terceiro que a Xunta de Galicia pon en marcha cos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para aproveitar o financiamento europeo, tras o Plan territorial de sustentabilidade turística do litoral (2022-2024) e o de Enogastronomía (2023-2025).  

TUI

Fin de semana da festa do balonmán galego coa Final 4 cadete

 O pavillón Gustavo Rodríguez acollerá o sábado as semifinais e o domingo as finais

 O Balonmán Tui buscará na categoría masculina a praza para o Campionato de España


Momento da presentación na Casa do Concello de Tui
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O balonmán galego vivirá a súa festa esta fin de semana en Tui coa celebración na cidade da Final 4 Cadete nas categorías feminina e masculina.  

 O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; e o presidente do Club Balonmán Tui, Pablo Rodríguez; xunto ás tudenses Shaila Bautista e Laura Solla, membros da Federación Galega de Balonmán, presentaron este mediodía a competición na casa do concello de Tui.  

 Rafael Estévez, concelleiro de Deportes de Tui, agradeceu á Federación Galega de Balonmán, ter elixido Tui para esta final, ao tempo que animaba á cidadanía ao sábado e domingo achegarse ao pavillón Gustavo Rodríguez, para gozar do balonmán e do que será toda unha festa.  

 O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, explicou coma esta Final 4 cadete é o colofón á competición desta temporada. Detallou Bruno López os motivos polos que dende a Federación Galega elixiron Tui para esta cita: o bo traballo que Balonmán Tui leva facendo coa base, as facilidades que sempre lles dan dende o Concello de Tui, e as cualidades da cidade da que sempre falan os tres tudenses que forma parte da directiva da federación.  Agardaba Bruno López que todo o balonmán galego se envorque con esta final que se converterá “na festa do balonmán galego”.  

 Pablo Rodríguez, presidente do Club Balonmán Tui, salientaba coma esta final é “por e para os xogadores”, amosaba o agradecemento ao Concello de Tui, e salientaba coma “máis aló do resultado a fin de semana vai ser unha festa”. Avanzaba amais que máis aló da competición deportivo as persoas que se acheguen ao pavillón Gustavo Rodríguez poderán gozar tamén da gastronomía xa que terán porco ao espeto e un polbeiro.  

 O pavillón Gustavo Rodríguez será o escenario desta Final 4 Cadete na que competirán o A.D. Carballal, o Deportivo Balonmán Chapela, o Asmubal Meaño, e o Club de Balonmán Porriño na categoría feminina; e os Club Balonmán Tui, o Club Balonmán Lalín, o Balonmán Cangas, e o Club Balonmán Culleredo, na masculina.   

 O sábado pola mañá xogaranse as semifinais femininas: ás 10.30 h Deportivo Balonmán Chapela – Asmubal Meaño; ás 12.30 h A.D. Carballal  - Club de Balonmán Porriño; e pola tarde as masculinas: ás 17.00 h Club Balonmán Lalín – Club Balonmán Culleredo; e ás 19.00 h Club Balonmán Tui e o Balonmán Cangas. O domingo ás 16.30 h xogarase a final feminina e ás 18.30 h a final masculina.  

 Os equipos gañadores, tanto feminino coma masculino, clasificaranse para acudir ao Campionato de España. Esta fin de semana entregaranse amais en Tui os galardóns de Campións de Liga.

TUI

Identificadas 39 especies na Ruta Ornitolóxica pola beira do Miño

 Con este exitoso percorrido comezaron o pasado domingo, as Rutas de Natureza que organiza o Concello 

 

As persoas participantes de Tui, O Porriño, Ponteareas, Salvaterra e Vigo  gozaron deste percorrido de introdución á ornitoloxía e interpretación do medio natural
Foto: C.T.


Infogauda / Tui

 Exitoso comezo esta fin de semana das Rutas de Natureza que promove o Concello de Tui, a través da concellería de Turismo, cunha Ruta Ornitolóxica pola beira do Miño, para a que se cubriron as 25 prazas ofertadas rapidamente. As persoas participantes de Tui, O Porriño, Ponteareas, Salvaterra e Vigo  gozaron deste percorrido de introdución á ornitoloxía e interpretación do medio natural.  

 Cada persoa participante contou cuns prismáticos para poder observar as aves, así coma con telescopios terrestres que facilitaron a identificación de até 39 especies de aves. Milanos negros, cigoñas brancas, martín pescador, cernícalo vulgar, agateador europeo, avión común ou vencexo común, foron as máis destacadas ao longo do percorrido que partiu da praia da Mariña e chegou até preto da praia de Areeiros en Guillarei.  

 Dous guías de SEO BirdLife realizaron unha introdución ás aves da contorna do Miño e da vexetación de ribeira. Achegaron ás persoas participantes información sobre aspectos da súa bioloxía, e das ameazas que sofren tanto as aves coma os ecosistemas que ocupan, dedicaron amais un apartado específico ás especias exóticas invasoras facendo fincapé na ameaza que supoñen.  

 Ao longo do percorrido as persoas participantes puideron tanto observar as aves coma identificar o canto de boa parte delas.  

 As Rutas de Natureza continúan esta fin de semana con dobre proposta. O sábado celebrase a XX Andaina Solidaria Tudense organizada por Andatui, para a que mañá martes pecha o prazo de inscrición en andatui.es.  

 Mentres o domingo terá lugar o paseo en barco “Río Miño, patrimonio natural” que contará con dúas viaxes, ás 11 h e ás 12 h, que partirán do pantalán de pescadores. Ten un prezo de 6€ e a reserva debe realizarse en riominhoenbarco.com ou no 662 31 25 20.

NIGRÁN

Ana Ortiz felicita ás alumnas do Val Miñor galardoadas co segundo premio Stephen Hawking polo seu estudo sobre os microplásticos na costa 

 A delegada territorial da Xunta animou a Ariana Antequera e Eva Leyenda a continuar coa súa labor investigadora


A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaron este luns o Instituto de Educación Secundaria Val Miñor

Foto: X.G.

Infogauda / Nigrán

 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaron este luns o Instituto de Educación Secundaria Val Miñor para felicitar as dúas alumnas que foron galardoadas recentemente co segundo premio da VI edición do Premio Stephen Hawking convocado polo IES Rosalía de Castro de Santiago.  

 Ariana Antequera e Eva Leyenda recibiron o premio polo traballo “Estudio da presencia de microplásticos na costa valmiñorana”. As dúas alumnas de Segundo de Bacharelato clasificaron e analizaron os plásticos de tamaño inferior a 5 milímetros en mostras de mexillón de roca e en sedimentos intermareal de dous puntos da baía miñorana, unha en Praia América e outra na Madorra.  

 Outros tres proxectos do IES Val Miñor participaron na convocatoria do Premio. Foron “Alcumes do Val de Miñor, tesouro inmaterial da xente do común”, de Paula López Hermida e Martín Rey Álvarez; “Estudo da poboación de berberecho na desembocadura do río Miñor (A Ramallosa, Nigrán)”, de Emma Nadien Josiane Brunel e Alicia Fernández Gefaell; e “Análise de hidrocarburos aromáticos policíclicos en sedimentos costeiros do Val de Miñor”, de Lara Taboada Álvarez.

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Ignacio Melero e Arkaitz Carracedo reciben os Premios Ramiro Carregal de Investigación Oncolóxica 2024   

O XII Premio Internacional recae no Dr. Ignacio Melero, codirector do Servizo de Inmunoloxía e Inmunoterapia da Clínica Universitaria de Navarra e catedrático da Universidade de Navarra e de Oxford   

O V Premio a Talentos Emerxentes será para o investigador Arkaitz Carracedo, profesor de investigación Ikerbasque en CIC bioGUNE, profesor asociado da Universidade do País Vasco e xefe de grupo no centro de cancro CIBERONC  

O empresario e mecenas Ramiro Carregal felicita aos premiados e agradece, unha vez máis, "o traballo, esforzo e dedicación que desenvolve o personal médico e investigador en favor de toda a sociedade"  


Membros do Xurado do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica Ramiro Carregal 
 

Rebeca Santomé / Santiago de Compostela

 O Xurado do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica Ramiro Carregal deu a coñecer esta semana os nomes dos premiados na última edición. O gañador do XII Premio Internacional, dotado con 30.000 euros, é o Dr. Ignacio Melero, codirector do Servizo de Inmunoloxía e Inmunoterapia da Clínica Universitaria de Navarra e catedrático de Inmunoloxía da Universidade de Navarra, mentres que o V Premio a Talentos Emerxentes (dotado con 10.000 euros) recaeu en Arkaitz Carracedo, xefe de grupo no centro de cancro CIBERONC, profesor de investigación Ikerbasque en CIC bioGUNE e profesor asociado da Universidade do País Vasco.   

 Ramiro Carregal, mecenas do Premio, agradeceu ao Xurado "o magnífico labor que vén realizando desde hai 12 anos e que permitiu contar coas candidaturas máis destacadas do ámbito internacional na investigación oncolóxica básica e clínica". Así mesmo, o empresario arousán destacou o feito de que "premiados en anteriores edicións se converteran en grandes prescritores do Premio", en referencia a que son eles quen apoian algunhas das candidaturas presentadas, como ocorreu este ano coa de Ignacio Melero que chega avalada polos Dres. López-Otín e Guido Kroemer, premiados na terceira e quinta edición, respectivamente.   

 Pola súa banda, o Dr. Rafael López, presidente executivo do Xurado e xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago, quixo agradecer "o esforzo e a defensa da investigación de Ramiro Carregal, un empresario entregado á súa terra e á súa xente e sempre disposto a axudar no que se lle pide". O Dr. López quixo tamén felicitar aos premiados e a todas as candidaturas que se presentaron ao galardón porque todas elas "contribúen a mellorar o futuro do diagnóstico e o tratamento do cancro".   

Ignacio Melero, XII Premio Internacional 

 "Desde o ámbito europeo considérase ao Dr. Melero como o máximo representante español en inmunoterapia do cancro", sinala o fallo do Xurado sobre o premiado nesta edición. "As súas contribucións teñen gran relevancia e enorme mérito, debido a que se trata dun dos pioneiros dunha nova maneira de tratar o cancro. A aplicación clínica da inmunoterapia transformou e continúa transformando a práctica oncolóxica", explica o Xurado, que destaca tamén o carácter "híbrido" médico-científico do galardoado, "cuxa actividade abarca desde o laboratorio á clínica experimental". Outro aspecto destacado é a produción científica en forma de publicacións, "excepcional, cuantitativa e cualitativamente, no ámbito europeo".   

 O Dr. Kroemer destaca a traxectoria de Ignacio Melero en inmunoloxía e inmunoterapia do cancro. "Sigo as súas investigacións e publicacións desde hai anos e podo afirmar que as súas contribucións sobre inmunoterapia do hepatocarcinoma, sobre a inmunoterapia baseada na estimulación da molécula 4-1BB e sobre o papel da interleukina-8 como biomarcador e como diana terapéutica, son moi destacadas e reciben unha intensa atención por parte da comunidade científica".  

 Ignacio Melero realizou os seus estudos de Medicina na Universidade de Navarra onde se iniciou no ámbito investigador baixo a supervisión do Dr. Jesús Prieto. Despois trasladouse ao departamento de Inmunoloxía do Hospital Universitario da Princesa adscrito á Universidade Autónoma de Madrid onde realizou a súa formación como médico residente. A súa tese doutoral supuxo un traballo pioneiro nun campo importante da inmunoloxía que ten, na actualidade, aplicación clínica no transplante aloxénico de medula ósea e noutros desenvolvementos de inmunoterapia, principalmente fronte a hemopatías malignas.   

 No instituto de investigación farmacéutica de Bristol-Myers Squibb, en Seattle, continuou desenvolvendo liñas de investigación traslacional pioneiras que trasladou a España ao incorporarse á contorna da Universidade de Navarra, da que é catedrático de Inmunoloxía ademais de investigador principal do seu centro de investigación, o CIMA. Codirige o departamento de Inmunoloxía e inmunoterapia da Clínica Universidade de Navarra e, desde 2022, é catedrático da Universidade de Oxford.    

Arkaitz Carracedo, V Premio a Talentos Emerxentes  

 O gañador do premio destinado a menores de 45 anos foi elixido "polas súas importantes contribucións á comprensión da bioloxía molecular do cancro". O Xurado sinala tanto "a excelencia na investigación biomédica" como a "capacidade para realizar importantes achegas ao campo da biomedicina dun modo sostido no tempo e nas diversas contornas de investigación onde traballou".   

 Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense, Arkaitz Carracedo é profesor asociado na Universidade do País Vasco e xefe de grupo no Centro de Investigación Cooperativa en Biociencias (CIC bioGUNE). O director xeral do Centro destaca "a súa brillante carreira, froito da súa creatividade e o seu dinámico modo de traballo" e sinala "como medida obxectiva da excelencia da súa investigación" as súas publicacións nas cabeceiras de maior prestixio internacional.   

 Pola súa banda, o Xurado do Premio Ramiro Carregal destaca a súa contribución no campo do cancro, que demostrou tanto en "a súa contribución en revisións científicas do máis alto nivel como na organización de congresos no campo do metabolismo do cancro que posicionaron estratexicamente ao seu grupo e ao CIC bioGUNE internacionalmente". Ademais, Carracedo encabezou iniciativas innovadoras de alta repercusión na investigación en cancro, como a súa colaboración co servizo de Uroloxía do Hospital de Basurto que deu lugar a un Laboratorio Mixto de investigación traslacional para cancro de próstata na interface da oncoloxía básica e clínica.  

 A súa aínda "curta" traxectoria posicionouno xa como "unha referencia en cancro a nivel nacional". É membro da Xunta Directiva da Asociación Española e Europea de Investigación en Cancro (ASEICA e EACR), do recentemente creado CIBER de oncoloxía (CIBERonc) e xestor na Axencia Estatal de Investigación. Por todo iso, considera o Xurado do Premio que é un magnífico exemplo de "ese persoal investigador novo, pero enormemente preparado e implicado, que vai proporcionar grandes avances á medicina, á ciencia e á sociedade nun futuro non moi afastado".  

 Ambos os premiados recollerán o seu galardón nun acto que terá lugar en Santiago de Compostela o próximo 29 de maio.