Ignacio Melero e Arkaitz Carracedo reciben os Premios Ramiro Carregal de Investigación Oncolóxica 2024
• O XII Premio Internacional recae no Dr. Ignacio Melero, codirector do Servizo de Inmunoloxía e Inmunoterapia da Clínica Universitaria de Navarra e catedrático da Universidade de Navarra e de Oxford
• O V Premio a Talentos Emerxentes será para o investigador Arkaitz Carracedo, profesor de investigación Ikerbasque en CIC bioGUNE, profesor asociado da Universidade do País Vasco e xefe de grupo no centro de cancro CIBERONC
• O empresario e mecenas Ramiro Carregal felicita aos premiados e agradece, unha vez máis, "o traballo, esforzo e dedicación que desenvolve o personal médico e investigador en favor de toda a sociedade"
Rebeca Santomé / Santiago de Compostela
O Xurado do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica, Científica e Técnica Ramiro Carregal deu a coñecer esta semana os nomes dos premiados na última edición. O gañador do XII Premio Internacional, dotado con 30.000 euros, é o Dr. Ignacio Melero, codirector do Servizo de Inmunoloxía e Inmunoterapia da Clínica Universitaria de Navarra e catedrático de Inmunoloxía da Universidade de Navarra, mentres que o V Premio a Talentos Emerxentes (dotado con 10.000 euros) recaeu en Arkaitz Carracedo, xefe de grupo no centro de cancro CIBERONC, profesor de investigación Ikerbasque en CIC bioGUNE e profesor asociado da Universidade do País Vasco.
Ramiro Carregal, mecenas do Premio, agradeceu ao Xurado "o magnífico labor que vén realizando desde hai 12 anos e que permitiu contar coas candidaturas máis destacadas do ámbito internacional na investigación oncolóxica básica e clínica". Así mesmo, o empresario arousán destacou o feito de que "premiados en anteriores edicións se converteran en grandes prescritores do Premio", en referencia a que son eles quen apoian algunhas das candidaturas presentadas, como ocorreu este ano coa de Ignacio Melero que chega avalada polos Dres. López-Otín e Guido Kroemer, premiados na terceira e quinta edición, respectivamente.
Pola súa banda, o Dr. Rafael López, presidente executivo do Xurado e xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago, quixo agradecer "o esforzo e a defensa da investigación de Ramiro Carregal, un empresario entregado á súa terra e á súa xente e sempre disposto a axudar no que se lle pide". O Dr. López quixo tamén felicitar aos premiados e a todas as candidaturas que se presentaron ao galardón porque todas elas "contribúen a mellorar o futuro do diagnóstico e o tratamento do cancro".
Ignacio Melero, XII Premio Internacional
"Desde o ámbito europeo considérase ao Dr. Melero como o máximo representante español en inmunoterapia do cancro", sinala o fallo do Xurado sobre o premiado nesta edición. "As súas contribucións teñen gran relevancia e enorme mérito, debido a que se trata dun dos pioneiros dunha nova maneira de tratar o cancro. A aplicación clínica da inmunoterapia transformou e continúa transformando a práctica oncolóxica", explica o Xurado, que destaca tamén o carácter "híbrido" médico-científico do galardoado, "cuxa actividade abarca desde o laboratorio á clínica experimental". Outro aspecto destacado é a produción científica en forma de publicacións, "excepcional, cuantitativa e cualitativamente, no ámbito europeo".
O Dr. Kroemer destaca a traxectoria de Ignacio Melero en inmunoloxía e inmunoterapia do cancro. "Sigo as súas investigacións e publicacións desde hai anos e podo afirmar que as súas contribucións sobre inmunoterapia do hepatocarcinoma, sobre a inmunoterapia baseada na estimulación da molécula 4-1BB e sobre o papel da interleukina-8 como biomarcador e como diana terapéutica, son moi destacadas e reciben unha intensa atención por parte da comunidade científica".
Ignacio Melero realizou os seus estudos de Medicina na Universidade de Navarra onde se iniciou no ámbito investigador baixo a supervisión do Dr. Jesús Prieto. Despois trasladouse ao departamento de Inmunoloxía do Hospital Universitario da Princesa adscrito á Universidade Autónoma de Madrid onde realizou a súa formación como médico residente. A súa tese doutoral supuxo un traballo pioneiro nun campo importante da inmunoloxía que ten, na actualidade, aplicación clínica no transplante aloxénico de medula ósea e noutros desenvolvementos de inmunoterapia, principalmente fronte a hemopatías malignas.
No instituto de investigación farmacéutica de Bristol-Myers Squibb, en Seattle, continuou desenvolvendo liñas de investigación traslacional pioneiras que trasladou a España ao incorporarse á contorna da Universidade de Navarra, da que é catedrático de Inmunoloxía ademais de investigador principal do seu centro de investigación, o CIMA. Codirige o departamento de Inmunoloxía e inmunoterapia da Clínica Universidade de Navarra e, desde 2022, é catedrático da Universidade de Oxford.
Arkaitz Carracedo, V Premio a Talentos Emerxentes
O gañador do premio destinado a menores de 45 anos foi elixido "polas súas importantes contribucións á comprensión da bioloxía molecular do cancro". O Xurado sinala tanto "a excelencia na investigación biomédica" como a "capacidade para realizar importantes achegas ao campo da biomedicina dun modo sostido no tempo e nas diversas contornas de investigación onde traballou".
Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense, Arkaitz Carracedo é profesor asociado na Universidade do País Vasco e xefe de grupo no Centro de Investigación Cooperativa en Biociencias (CIC bioGUNE). O director xeral do Centro destaca "a súa brillante carreira, froito da súa creatividade e o seu dinámico modo de traballo" e sinala "como medida obxectiva da excelencia da súa investigación" as súas publicacións nas cabeceiras de maior prestixio internacional.
Pola súa banda, o Xurado do Premio Ramiro Carregal destaca a súa contribución no campo do cancro, que demostrou tanto en "a súa contribución en revisións científicas do máis alto nivel como na organización de congresos no campo do metabolismo do cancro que posicionaron estratexicamente ao seu grupo e ao CIC bioGUNE internacionalmente". Ademais, Carracedo encabezou iniciativas innovadoras de alta repercusión na investigación en cancro, como a súa colaboración co servizo de Uroloxía do Hospital de Basurto que deu lugar a un Laboratorio Mixto de investigación traslacional para cancro de próstata na interface da oncoloxía básica e clínica.
A súa aínda "curta" traxectoria posicionouno xa como "unha referencia en cancro a nivel nacional". É membro da Xunta Directiva da Asociación Española e Europea de Investigación en Cancro (ASEICA e EACR), do recentemente creado CIBER de oncoloxía (CIBERonc) e xestor na Axencia Estatal de Investigación. Por todo iso, considera o Xurado do Premio que é un magnífico exemplo de "ese persoal investigador novo, pero enormemente preparado e implicado, que vai proporcionar grandes avances á medicina, á ciencia e á sociedade nun futuro non moi afastado".
Ambos os premiados recollerán o seu galardón nun acto que terá lugar en Santiago de Compostela o próximo 29 de maio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario