O Concello da Guarda adquire a propiedade que unirá as rúas Baixo Muro e Ireira
• A actuación proxéctase realizar no ano 2026 con fondos da Deputación de Pontevedra
Infogauda / A Guarda
Sendo ás 10:56 horas deste martes, 2 de setembro de 2025, o goberno municipal que preside o alcalde Roberto José Álvarez Carrero, comunicou á redacción deste xornal dixital transfronteirizo, á seguinte nota de prensa, que reproducimos literalmente:
"O Concello da Guarda vén de adquirir a propiedade da rúa Ireira, 10, para a futura prolongación da rúa do Baixo Muro e a súa conexión coa rúa Ireira.
Con este proxecto, a rúa do Baixo Muro obtería unha mellor accesibilidade, dando unha opción na que se eviten tramos de escaleiras que dificulten a paso de persoas con mobilidade reducida, cadeiras de rodas ou carriños infantís. Compre recordar que todo o proxecto comezou cando un veciño discapacitado da zona demandou na xustiza ordinaria un acceso adecuado ás súas necesidades e foi a partires dese momento cando os gobernos caeron na conta desta posible actuación de apertura da rúa Baixo Muro.
“A actuación proxectada debía comezar coa adquisición do inmoble da Rúa Ireira, 10, para despois comenzar coa apertura da rúa unha vez validado o proxecto e conseguidos os permisos sectoriais e financiamento para iso. Tras máis de 15 anos de paralización dos gobernos anteriores do PSOE e do BNG, que nin pactaron esta actuación cando gobernaron xuntos, basicamente porque tiñan outras prioridades, aínda que agora que non gobernan tratan de utilizar esta actuación partidariamente, foi o grupo actual de goberno do Concello da Guarda presidido polo PP quen adquiriu a propiedade para unir as rúas Baixo Muro e Ireira. Así, podemos dicir que ata agora coa adquisición non houbo avances significativos por moito que traten algúns de manipular a cidadanía”, afirma o alcalde Roberto Carrero. “Ademais, con estes primeiros pasos cara unha unión das rúas, melloramos a accesibilidade xeral e tamén as de vehículos de emerxencias. E tamén permite un acceso ao mesmo nivel co mercado de Abastos, parada básica para a compra habitual de moitos veciños”.
O proxecto contempla a demolición da parcela e parte das estruturas da vivenda, o que permitirá conectar as rúas sen barreiras arquitectónicas. Ademais instalarase un par de bancos e pequenas árbores para embelecer a rúa e proporcionar unha pequena zona de descanso.
O financiamento para a actuación farase a través da subvención do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra do ano 2026. O Concello da Guarda xa inverteu 102.500 € para o comezo deste proxecto coa compra de todo o inmoble".
Ningún comentario:
Publicar un comentario