29 de abr. de 2024

OIA

O “Día da Xuventude”, virá coas súas propostas de ocio saudable 

 Este mércores, 1 de maio, de 16.00 a 21.00 horas, no patio exterior do CEIP Manuel Mestre García

 


Infogauda / Oia

 Oia acollerá este mércores 1 de maio a programación das actividades formativas e de ocio saudable do “Día da Xuventude” que vén de poñer en marcha a  Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta. A cita será de 16.00 a 21.00 horas, no patio exterior do CEIP Manuel Mestre García.  

 Este programa, que desenvolve neste ano a súa segunda edición, busca a participación activa da mocidade de cada concello a través dunha ampla variedade de actividades, tales como obradoiros de gastronomía saudable, formación sobre habilidades para a empregabilidade, sensibilización medioambiental, igualdade de xénero e arte urbana. Tamén inclúe propostas de lecer educativo como fútbol burbulla, futbolín humano, tiro con arco, lego e escape box. Para finalizar a xornada, ofrece unha actuación musical de artistas locais.  

 O ‘Día da Xuventude’ ponse en marcha este ano nunha trintena de concellos galegos, entre os cales se atopa Oia. Este programa persegue diversos obxectivos, como facilitar á mocidade a posibilidade de participar nun programa de actividades lúdico-formativas que contribúa ao seu enriquecemento persoal mediante aprendizaxes non formais. Tamén quere fomentar a participación, o ocio e o lecer saudable, a transmisión de valores a través de actividades que requiran do traballo en equipo, colaboración mutua e que fomenten o respecto, a igualdade, a inclusión e o espírito deportivo. Así mesmo, achega información dos programas que desenvolve a Xunta de Galicia destinados á mocidade e amplía as ferramentas de conciliación e espazos de coidado a disposición das familias galegas.  

 A iniciativa “Día da Xuventude”, que conta co financiamento do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables, está destinada tanto á mocidade galega como ás propias familias, dado que tamén favorece a conciliación da vida familiar e laboral. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario