5 de set. de 2025

O ROSAL

A música da Agrupación Musical do Rosal chega ás Fragas do Eume a través da Iniciativa Xove 




Infogauda / O Rosal

 A Agrupación Musical do Rosal vén de poñer en marcha, ao abeiro das axudas do Programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o proxecto “Achegando a música ás Fragas do Eume”, unha proposta que combina natureza, patrimonio e música.  

 Ao longo desta fin de semana, os días 5, 6 e 7 de setembro, un grupo duns 40 mozos e mozas de entre 11 e 30 anos, dos integrantes máis novos da banda, desprazarase ata a comarca das Fragas do Eume, onde estarán aloxados no Albergue Xuvenil de Perbes (A Coruña).  

 Durante a súa estancia, a mocidade poderá gozar dun amplo programa de actividades como andainas guiadas polas Fragas do Eume, visita ao Mosteiro de Caaveiro, experiencia no Labirinto de Breoghán, visitas ás praias da zona, ademais doutras actividades de convivencia e aprendizaxe.  

 O punto culminante será o concerto gratuíto que terá lugar o sábado 6 de setembro ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilarmaior (A Coruña), precedido dun pasacalles polo municipio a partir das 19:30 horas. Nesta ocasión, o público poderá gozar dun concerto de grupos de cámara de vento madeira e vento metal formados por músicos da Agrupación Musical do Rosal.  

 Con este proxecto, a Agrupación Musical do Rosal busca enriquecer a formación integral da mocidade, fomentar a sensibilidade artística e ambiental, e concienciar sobre a importancia de preservar o noso patrimonio natural e cultural. A iniciativa ofrece tamén unha oportunidade única para que a xuventude combine a súa paixón pola música cunha experiencia de convivencia e descuberta nun espazo natural senlleiro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario