Máis de 2.500 persoas pasaron polo Auditorio de Tomiño durante as actividades de primavera e outono 2024
• O número de propostas culturais superou a vintena, destacando o teatro infantil e adulto, o cine familiar e os obras musicais
Infogauda / Tomiño
O Auditorio de Goián consolídase como o principal equipamento cultural do concello de Tomiño. As cifras de asistencia o confirman. Só nas campañas de primavera e outono de 2024, acudiron máis de 2500 persoas, á unha vintena de propostas nas que non faltou o teatro infantil e adulto, o cine familiar e as obras musicais.
As actividades ofertadas repártense equitativamente entre os dous segmentos de público principais (nenos e nenas e persoas adultas). Así, na axenda “PrimaverActiva” (meses de marzo e abril), ofrecéronse 3 propostas para o público infantil (Travesía Unicornio, A illa da deslembranza e O secuestro da bibliotecaria), que contaron con máis de 200 asistentes. Pola súa banda, as obras para público adulto (Que din as rumorosas, De algo hai que morrer e Iribarne) chegaron a case 500 persoas.
Na axenda de outono “CulturON 2024” (outubro e novembro), as cifras de asistencia son maiores, probablemente polas condicións climatolóxicas da época do ano, chegando ao triple que en primavera; case 700 asistentes que asistiron ás 4 propostas realizadas pola Concellería de Cultura (The show moscón, Crunch 2, El carnaval animal e a Carapuchiña vermella). As obras programadas para persoas adultas (O auto de Castromil, Cabaré climático, Deadpan e No sólo duelen los golpes), contaron, pola súa banda, con máis de 400 asistentes.
No que se refire aos xéneros das propostas culturais feitas polo Concello, en primeiro lugar o teatro e monólogos; o cine, en segundo termo, e os concertos (bandas e corais), en terceiro. O prezo das entradas (subvencionado polo Concello) soe oscilar entre 2,50 e 5 euros, o que se convirte noutro reclamo para que o público participe nas actividades.
Outra proposta que ten moita aceptación é o cine familiar, xuvenil e infantil nos meses de outubro e novembro (de balde e con flocos de millo) que rexistrou cifras de asistencia moi boas. Por exemplo, o domingo 20 de outubro, a cinta para público familiar “Elemental”, rexistrou un cheo total, con 322 asistentes; o sábado 2 de novembro, cine para a adolescentes, mozos/as e adultos, “Barbie”, contou con 160 persoas nas butacas. Por último, o domingo 17 de novembro a proxección de “Os Mitchell contra as máquinas”, tivo máis de 180 asistentes.
Ademais das axendas de primavera e outono, hai que engadir as numerosas actividades puntuais que se celebran anualmente, como as Xornadas da Educación, o Cine Club de Goián, os concertos da Agrupación Musical de Goián ou da Coral de Tomiño; os actos organizados por colectivos veciñais e escolares, ou os encontros promovidos pola Eurocidade Tomiño-Cerveira, entre outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario