Continúa a campaña contra a explotación, o acoso e as faltas de respecto en Mercadona
• A CIG-Servizos desenvolveu unha protesta en Redondela para denunciar tamén a excesiva carga de traballo e os tempos imposíbeis de cumprir
Infogauda / Redondela
A campaña ‘Un segredo a voces’ posta en marcha pola CIG-Servizos o pasado mes de agosto para denunciar o clima laboral en Mercadona trasladouse hoxe a Redondela. De xeito que persoas traballadoras e delegadas da central sindical desenvolveron unha concentración diante do establecemento da empresa de alimentación situado na estrada do Cruceiro para rexeitar a explotación laboral, o acoso e as faltas de respecto que padece o persoal por parte de superiores xerárquicas e denunciar a excesiva carga de traballo e os tempos imposíbeis de cumprir.
Lara Castro, delegada da CIG no comité provincial de Mercadona e traballadora do establecemento redondelán, sinalou que as persoas empregadas teñen que soportar a diario “condutas inapropiadas” por parte de superiores xerárquicas, “como insultos, vexacións, faltas de respecto e mesmo persecucións cada vez que queremos ir ao cuarto de baño”.
Un acoso que comeza incluso antes do inicio da propia xornada laboral, “xa que nada máis chegar ao centro de traballo recibimos berros advertíndonos de que non nos vai dar tempo a facer o traballo”. De feito, a excesiva carga de traballo e os tempos imposíbeis de cumprir son outras das cuestións nas que se centra esta campaña.
Como tamén o é a reclamación do cumprimento da normativa en materia de seguridade e saúde laboral, que Mercadona vulnera de xeito reiterado, tal e como vén de constatar unha resolución da Inspección de Traballo. En consecuencia, a autoridade laboral requírelle á empresa que cumpra a normativa en prevención de riscos e corrixa as graves deficiencias detectadas a respecto tanto da formación nesta materia como da avaliación dos riscos psicosociais en centros de traballo da provincia de Pontevedra.
Na CIG consideran que existe unha relación directa entre estes incumprimentos e o actual clima laboral, caracterizado por altos ritmos de traballo, faltas de respecto, presión ante baixas médicas, acoso por parte das responsábeis dos centros de traballo, dificultades e chantaxe ás persoas que solicitan conciliación familiar, etc.
Dende que a central sindical obtivo representación no comité pontevedrés hai dous anos comezou a reclamar o cumprimento da normativa en prevención. Primeiro no comité de seguridade e saúde -atopándose co bloqueo de UGT e CCOO en complicidade coa empresa- e posteriormente ante a Inspección de Traballo, “que agora urxe a Mercadona a tomar medidas inmediatas ante a gravidade dos feitos denunciados, xa que incumpren a metodoloxía recollida na normativa vixente”.
Primeiramente, a autoridade laboral céntrase no incumprimento da formación en prevención, indicando que a fórmula escollida pola empresa é “inapropiada” por ser só de dúas horas telemáticas e a parte práctica impartida por compañeiras/os de traballo, cando na realidade ten que ser impartida por persoal cualificado, como é unha persoa técnica en prevención de riscos laborais (PRL).
“Polo que nun prazo de tres meses Mercadona debe de impartirlle ás máis de 1000 persoas traballadoras na provincia de Pontevedra unha formación que se axuste ao artigo 19 da Lei de prevención de riscos laborais, garantindo unha formación teórica e práctica suficiente e adecuada”.
Seguidamente, a resolución fai mención aos riscos psicosociais que sofren as persoas traballadoras en Mercadona, xa que a empresa non ten avaliados os factores de risco psicosocial dende o ano 2019, polo que a autoridade laboral cualifica esta avaliación como “insuficiente”.
En consecuencia, e tal e como reclamou a CIG en numerosas ocasións na empresa e nos distintos comités, a Inspección tamén require unha avaliación destes riscos nos establecementos abertos nos últimos anos.
Finalmente, dende a central anuncian en que estarán “vixiantes” para que a empresa cumpra “dunha vez” a normativa en PRL e en avaliación de riscos psicosociais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario