19 de dec. de 2024

PONTEVEDRA

Dixitalización     

Abel Losada convida aos concellos rurais a sumarse ao programa “La Administración cerca de ti”  

Incide na importancia de formar a veciñanza para aproveitar as vantaxes da aplicación “Tu Carpeta Ciudadana” e a utilizar o sistema de identificación “Cl@ve”

“O certificado dixital está moi ben para ordenadores, pero Cl@ve é o sistema máis seguro e fiable co teléfono móbil” 

    

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, celebrou hoxe unha xuntanza telemática con concellos de menos de 8.000 habitantes da provincia; na que tomaron parte a secretaria xeral da Subdelegación, María Isabel Alonso, e a técnica Margarita Hortas

Foto. S. de G.

Infogauda / Pontevedra

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, celebrou hoxe unha xuntanza telemática con concellos de menos de 8.000 habitantes da provincia para animalos a sumarse ao convenio entre o Ministerio de Política Territorial e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a expansión do programa “La Administración cerca de ti”, que busca impulsar a Administración electrónica e axudar á veciñanza destes concellos rurais a relacionarse tanto coa Administración do Estado como o seu propio Concello.     

 Na xuntanza, na que tomaron parte a secretaria xeral da Subdelegación, María Isabel Alonso, e a técnica Margarita Hortas, informouse das vantaxes da aplicación “Carpeta Ciudadana”, que pode instalarse no teléfono móbil e dá acceso inmediato a tódolos expedientes da Administración do Estado e dos concellos, de xeito que poden consultarse tódalas notificacións, o estado dos expedientes, solicitudes, recursos ou mesmo unha cuestión tan de actualidade como os antecedentes por delitos sexuais. Tamén achega información sobre datas de caducidade de documentación. “En definitiva, levas no teléfono móbil toda a información relevante dos teus asuntos administrativos”, incidiu Losada.    

 Explicouse tamén que, se ben o certificado dixital é unha excelente ferramenta de identificación dixital, o sistema Cl@ve resulta especialmente recomendable para o teléfono móbil, dado que entre outras cousas permite identificarse a través dun pin xerado para cada acceso, ofrecendo así unha garantía extra de seguridade.     

 A Subdelegación do Goberno ofertou aos concellos rurais que se adhiran ao convenio unha sesión formativa sobre o uso da Carpeta Cidadá e a alta en Cl@ve para toda a veciñanza que participe na sesión. “Se as persoas maiores aprenderon a utilizar WhatsApp e Facebook nos seus teléfonos móbiles, non temos ningunha dúbida de que tamén serán quen de utilizar a Carpeta Cidadá e que iso lles xerará máis autonomía e autoconfianza nos asuntos que teñen tanto co seu Concello como coa Administración do Estado”.  

 Losada concluíu que diante dun escenario de reto demográfico, como que vén de evidenciarse co último informe do Consello de Contas, toca “apurar tódolos esforzos para axudar a pechar a fenda dixital e non cabe dúbida de que a Administración electrónica, nestes tempos nos que tódolos concellos teñen xa Sede Electrónica, ten que ser unha axuda e non un obstáculo para a xente maior”.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario