O Concello capta novos fondos para a financiación total da reforma integral do campo de fútbol da Mata
• O Goberno municipal consigue unha subvención da Xunta que xunto aos fondos europeos do Ministerio de Cultura e Deporte cobren o 100% dos 600.000 euros de investimento
• A reforma, sen custe para as arcas municipais, converte as instalacións nun espazo moderno, eficiente e accesible
• A alcaldesa Ánxela Fernández Callís visitou este mércores as instalacións acompañada do delegado territorial en Pontevedra, Agustín Reguera
Infogauda / O Rosal
Un novo futuro para o deporte no Rosal. Iso é o que supón a reforma integral do campo de fútbol municipal da Mata, un proxecto estratéxico que está a transformar estas instalacións nun espazo máis sostible, accesible e moderno pensado especialmente para as e os usuarios e para promover unha práctica deportiva de calidade.
A piques de rematar a primeira fase das obras e cun investimento de 600.000 euros, o Concello conseguiu captar fondos externos para financiar o 100% das obras e que estas melloras non supoñan gasto algún para as arcas municipais. Así, o Goberno municipal vén de conseguir unha axuda da Xunta de Galicia no marco do fondo de cooperación local destinado a infraestruturas municipais de carácter estratéxico que financiará o 50% do investimento e que complementará aos fondos europeos obtidos do Ministerio de Cultura e Deporte a través do Plan de Recuperación, Tranformación e Resiliencia, que farán fronte ao outro 50%.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, visitou este mércores as instalacións acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e do Secretario Xeral para o Deporte autonómico, José Ramón Lete. Durante o percorrido polas instalacións a rexedora puxo en valor o impacto positivo desta reforma para o deporte local, xa que “este proxecto non só supón unha modernización das instalacións, senón que contribúe a crear un espazo deportivo de futuro, accesible, sostible e pensado para mellorar a calidade de vida da nosa rapazada. Aquí formaranse deportistas, pero tamén persoas comprometidas coa saúde, coa comunidade e co medio ambiente”.
A primeira fase da reforma, a piques de rematar, inclúe a instalación dun céspede artificial con criterios de sostibilidade, convertendo ao Rosal nun dos primeiros concellos de España contar cun campo con recheo ecolóxico, empregando piña triturada como alternativa ecolóxica ás tradicionais bases de caucho. Ademais, levouse a cabo a renovación do sistema de rego para unha maior eficiencia no consumo de auga, instalouse un novo sistema de megafonía, banquiños modernizados, novas barandas, mellorouse o túnel de vestiarios mellorouse a eficiencia enerxética nos vestiarios grazas á instalación dunha caldeira de biomasa e instalouse un engadido de herba artificial detrás da portería para o adestramento e quecemento de equipos e porteiros.
O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, destacou que dende o Concello “estamos traballando para que este campo sexa moito máis que unha infraestrutura deportiva. Queremos que sexa un referente no ámbito local e autonómico, non só pola calidade das instalacións, senón tamén pola súa aposta pola accesibilidade, a sostibilidade e a dixitalización”.
A segunda fase do proxecto, que se executará no 2025, levará a modernización un paso máis alá coa incorporación de sistemas de domótica e control de accesos, mellorando a seguridade e a xestión eficiente de recursos como a auga e a electricidade. Ademais, a implantación de pechaduras dixitais con acceso mediante tarxetas electrónicas permitirán un seguimento máis eficaz do uso e ocupación das instalacións. Por outra banda, tamén se incorporará unha pantalla tipo LED como vídeo marcador, mellorarase o illamento térmico do recinto e tamén se acometerán importantes accións de accesibilidade universal, como novos accesos ao campo, aseos adaptados, gradas accesibles e sinalización cognitiva.
Esta reforma integral tamén busca potenciar as actividades deportivas sostibles, convertendo o campo nun espazo óptimo tanto para o deporte de base, liderado pola U.D. Ribera, que está a realizar un traballo importante coa canteira e cos centos de nenos e nenas que participan nas escolas deportivas. Un espazo moderno, eficiente e accesible que tamén permita a realización de eventos e actividades que reforcen o compromiso do Rosal co medio ambiente e a dinamización social, deportiva e cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario