Convocan mobilizacións por un convenio digno na sanidade privada pontevedresa
A patronal abandonou a última xuntanza da mesa negociadora como medida de presión para intentar que as protestas non se fixesen efectivas
Infogauda / Vigo / Pontevedra
O persoal adscrito ao convenio de Hospitalización Privada da provincia de Pontevedra vén de anunciar a través das centrais CIG, CCOO, UGT e CSIF a convocatoria de mobilizacións para reclamar unhas condicións de traballo dignas. Dende a parte social denuncian que a patronal abandonou a última xuntanza da mesa de negociación como medida de presión para intentar que as protestas non se fixesen efectivas.
Segundo explican dende a CIG-Saúde, na reunión da mesa negociadora constituída en setembro de 2020 que tivo lugar este luns 18 de novembro a parte empresarial ameazou a parte social con levantarse e interromper as conversas se non se desconvocaban as concentracións previstas para as vindeiras semanas demandando un convenio digno.
“Hai que lembrarlle á patronal que as mobilizacións foron esixidas polas persoas traballadoras do sector nas asembleas informativas realizadas o pasado 7 de novembro ao coñecer a inmobilidade das propostas achegadas até esa data”. Por iso queren deixar moi claro que a parte social non cederá a esta “chantaxe” e continuará a defender os dereitos das persoas afectadas por este convenio, “polo que manteremos o calendario de protestas establecido”:
- Mércores 27 de novembro ás 12:00 horas no hospital Vithas Fátima de Vigo (Vía Norte, 48).
- Mércores 4 de decembro ás 12:00 horas na Confederación de Empresarios de Pontevedra, en Vigo (García Barbón, 104).
- Mércores 11 de decembro ás 12:00 horas no centro médico Vithas en Pontevedra (Eduardo Pondal, 68).
Ningún comentario:
Publicar un comentario